O PP en Amio

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

O PP descubriu moitas cousas que ignoraba de si mesmo no seu último congreso pero sobre todo descubriulle moitas cousas aos que non son do PP. Empezando polo segundo, resultou non ser o partido con máis afiliados contra o que todos pensamos e escribimos antes de que a frialdade dos números desbaratara as imposturas das que presumiron durante décadas. 

Os seus simpatizantes son máis activos socialmente que internamente. Semellan máis afeitos a seguir un líder que preocupados por elixilo. Tamén descubrimos que o partido foi quen de seguir un procedemento de primarias complexo, mesmo alambicado, con coherencia e sen perturbar as normas dadas. Sen chapuzas aparentes. Un procedemento alleo á súa tradición e ás súas prácticas consuetudinarias de elixir presidente. Sabiamos que o debate non formaba parte do ADN do PP e demostráronnolo evitando calquera posibilidade de debate público, primeiro porque eran moitos candidatos, despois porque só eran dous. Democraticamente incomprensible.

Debater sobre mensaxes de márketing, vídeos anónimos, xogos soterrados e discursos de gañadores resulta moi pouco liberal e nada moderno. Confirmamos que, como supoñiamos e como están demostrando os xulgados, o Partido Popular non se financia con cotas de afiliados -o número non dá para tanto- nin estes parecen dispostos a pagar cota algunha, sequera para ter o dereito a decidir o seu presidente. A aversión a pagar impostos ou cotas parece chegar moi á cerna. Descubrimos que a extrema dereita no PP existe. Levámolo escoitando dende que Carrillo louvoulle a Fraga integrala en democracia pero non sabiamos que era tan cativa e tan pouco representativa. O que vimos foi unha pugna entre pragmáticos conservadores detentadores do poder por un lado e reaccionarios da máis vella escola polo outro, renovados só pola idade.

As apelacións ao rural e á esencia dos valores casteláns xa ten arañeiras. Tamén vimos como facer coalicións en contra, agrupando cabreados, segue sendo un xeito máis transversal e seguro de tomar o poder que facer propostas ou definir políticas. Porén, os do PP, que se coñecen bastante ben a si mesmos, descubriron moi poucas novidades. A principal: ser quen de escoller líder un político profesional sen oficio nin beneficio, en troques de avogadas do Estado, rexistradores, inspectores de facenda ou catedráticos. O máis novidoso foi unha exhibición á que non estaban afeitos. Imaxino que repararían na súa capacidade de influencia ao ver o pendentes que estiveron do resultado do seu congreso todos os partidos e grande parte da opinión pública. Viron no espello o importantes que son. Seguramente descubrirán máis cousas nos próximos tempos cando reparen na marxe que deixan a Ciudadanos para conquistar o seu centro. A grande dúbida é se as dúas candidaturas pactarán ou se toda esta inesperada exhibición pública terá efectos cismáticos.

Teño para min que quedaron máis convencidos do que xa estaban dos valores da súa unidade como garantía de poder. Os 3.000 votantes do PP desta fin de semana nun hotel madrileño non terán un futuro tan escindido como os 4.300 votantes do BNG de 2012 en Amio.