Lembran o fenómeno social que foi a descuberta da palabra Afouteza? Estupendo.
Ben, pois se hai que poñerlle o This is diante, póñollo. E se temos que pedir axuda ao fútbol, tamén o fago. Axúdenme, e fagamos unha campaña que sexa This is fachenda.
A expresión iría acompañada de distintas imaxes. Unha sería un viandante baixo a chuvia. As pingas serían tan grosas que apenas nos deixarían ver nada, salvo o sorriso. Outra sería unha paisaxe verde coas estradas angostas e cheas de curvas nunha paisaxe idílica que ben quererían para eles os mellores directores de fotografía das películas máis sonadas. Outro cartaz amosaría... Valdoviño, por exemplo, cun solpor deses dignos de admirar. Ollo, Valdoviño, nada de valle del vino. Quen di Valdoviño di Sanxenxo, Pedrafita do Cebreiro, Laxe, O Carballiño...
Temos que deixar de autoodiarnos e aprender a amarnos. Temos que sentir fachenda de quen somos, un pobo cunha cultura, tradición, folclore, idiosincrasia e idioma propios. E o marisco do que rumbamos, e as patacas das que campamos, e a Catedral que tan orgullosos restauramos son xoias como a chuvia, os currunchos espallados por todo o país e a nosa lingua.
En Irlanda alardean da chuvia. Visitala sen que nos molle cando menos un orballo non é o mesmo. En Londres véndennos a néboa como símbolo do seu carácter. Lembro visitar Tenerife e quedar marabillada coas estradas de Masca. Todo iso o temos aquí. Só nos falta valoralo e non criticalo, culpalo ou deturpalo. Sintamos fachenda!