Heroes

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Os verdadeiros heroes non levan capa, nin poden voar, nin lles saen raios polos ollos que lle garantan unha visión nocturna. Non teñen poderes sobrenaturais, e non se distinguen a simple vista. Tampouco son valorados de tal xeito que teñan que camuflarse para poder vivir e disfrazarse para poder desempeñar o seu labor.

Non teñen nomes que recoñeza todo o mundo nada máis mencionalos. Tampouco portan segredos máxicos. O misterio máis grande que gardan é o de posuír un corazón de ouro, deses que se di que son tan grandes que non caben no peito. Mais eles téñeno, e funcionan.

Os heroes de verdade, aos que poucas veces se lles fai unha película, son xente practicamente anónima. Poden ser, poñamos por caso Rick Stanton e John Volanthen. Non os coñecen? Pois deberan. Eles son os mergulladores que percorreron as furnas de Tailandia ata dar cos doce nenos e o seu adestrador atrapados. Pasaran 9 días desde que desapareceran. Tragáraos a terra, pero este bombeiro e enxeñeiro informático devolveron a esperanza ao mundo.

Tamén pode ser Gonzalo Buján, que perdeu a vida polo simple feito de defender unha amiga do acoso duns viandantes. Ou Ignacio Echeverría, que morreu a mans de terroristas intentando axudar a un policía.

Tamén o é a miña amiga Bea Gallart, que se enrolou nunha ONG e agora vive alén dos mares construíndo un mundo mellor. Ou tantas nais que traballan limpando escaleiras para dar de comer aos seus fillos.

Non perdamos a noción do que é un heroe. Esta é a que hai que transmitir.