Por se alguén o entende

OPINIÓN

02 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Fernández, aquel que presidiu a xestora do PSOE que defenestrou a Pedro Sánchez, vén de dar unha conferencia en Madrid sobre un tema que xa vai sendo teima: os nacionalismos que rompen España, con grande éxito nos medios, entre moitos seguidores do PSOE, e, naturalmente, do PP e de Ciudadanos.

É inútil que lle preguntemos ao señor Fernández, e a tantos outros, se non rompen máis, moito máis, as ferintes desigualdades que padecemos, o paro, a precariedade laboral..., entre tantos outros temas que si deberan ser teima dos que, coma el, se teñen por socialistas. Procuran non entrar neses temas porque prefiren, e pode que así o pensen en verdade, que hai tópicos que teñen máis forza e aceptación na sociedade ca o feito de facilitarlle motivos que dean que pensar.

O máis curioso do caso, ao meu ver, é que a teima pode ser transversal, como agora se di, pois uns e outros, os dunha banda e os da outra, suxírennos actitudes semellantes, ou non moi diferentes, o que non deixa de ser curioso andazo típico entre os tópicos máis cotiáns do cerrilismo carpetovetónico.

Debemos preguntarnos polas causas, orixe e entidade de semellante andazo. O máis sorprendente, para min, é o contido joseantoniano dese discurso tan reseso e oco, que empeza a ser denunciado por algunha esquerda, non toda, e que nós vimos sinalando dende hai xa algúns anos. Pero ao mellor hai algo máis.

Ese algo máis penso que pode ser a mentalidade autoritaria, cuarteleira e claramente fascista que non atura a diversidade nin as minorías e necesita o achego da simplificación, xusto a de José Antonio e de todos os ditadores, sen excepción. Por iso, un ten que preguntarse que demos fan o tal Fernández, e outros, nun partido que se di de esquerdas. ¿Alguén o entende?