De cativo todo parece moito máis grande do que en realidade é. Esas estradas interminables, ese caiuco ascendido a buque. Un muro que semella erguerse ata o ceo nese contrapicado eterno que é a ollada infantil. Que pensar, logo, dese inabarcable mar e o seu horizonte infinito. Compénsano que a mesma perspectiva abraiada tamén axiganta a protección familiar: pais e nais convertidos en seres de estirpe heroica, irtos e rexos sobre esas pernas nas que acubillarse cando o medo axexa. Que agardar, daquela, cando desaparecen esas figuras que o son todo para os cativos, e fican expostos ao sol que queima toda esperanza, chorando e berrando contra un muro que non devolve resposta, perdidos no baleiro que deixa o devalo inesperado.
En cuestións migratorias hai poucas cousas que os galegos non viviramos xa, e esta da separación familiar é, por desgraza, algo xa coñecido. Na nosa literatura agroman, aquí e acolá, cativos criados ao abeiro dos avós, incapaces de recoñeceren aos pais, eses seres estraños sen pegada na memoria, cando regresan cos fillos queridos. Porque aquí a ruptura non agardaba á fronteira, senón que os contratos viñan, previsores, coa cláusula da renuncia materna. As peixeiras de Camariñas, as lavandeiras de Betanzos, as camareiras de Pontedeume deixaban atrás os fillos e as que namoraban na emigración moitas veces debían volver ou buscar empregos máis compadecidos coas súas arelas de descendencia.
Algunha vez a fronteira si puido ser escenario de drama. Miña nai presentouse con meu pai no porto británico de Folkstone sabendo que no ventre aniñaba xa o diminuto xermolo dunha nova vida: de atoparme a matrona que lle fixo a exploración, terían que dar a volta por onde chegaran. Pero eu agocheime ben e recibiron a súa cartiña de emigrantes da Aliens Order, unha palabra que en inglés tanto significa estranxeiro coma extraterrestre. O goberno prohibíalles durante tres anos calquera traballo que non fose doméstico, pero tamén lles mandaba unha asistente social para guialos como pais. O mesmo país que velou pola miña crianza deume unha lingua e unha oportunidade que se lle estaba negando a cativos na fronteira, xunto co máis sinxelo e importante: vivir cos seus.