Benvida ao verán

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

22 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dariamos un paseo pola tarde para recoller herbas e flores. Na fiestra da súa casa poría unha cunca de auga con follas de sabugueiro e pétalos de rosa á intemperie; tamén poría un vaso cunha clara de ovo. Á mañá seguinte lavaría a cara coa auga de flores e miraría para o vaso para atopar sabe deus que. Iría mercar unhas sardiñas, e non fariamos fogueira, pero o meu pai traería pan do forno de non sei onde, e a nosa veciña, Lola, estaría enlazando refráns: «polo San Xoán...». Elas, coma tantas outras nais, tiñan o seu xeito particular de celebrar o solsticio de verán.

Celebrar que o Sol está quedo, que a partir de hoxe os días se farán máis curtos, que hai un cambio de ciclo, ou simplemente quedar queda, aínda que sexa un chisco, para marabillarme coas flores que me rodean e lembrar, chorando, que son unha privilexiada.

Co solsticio chega o verán, e co verán vén o movemento masivo de refuxiados e migrantes que foxen da morte e da escravitude, afrontándoa no mar. Non hai nin cen anos que eran os nosos os que fuxían e se refuxiaban onde os aceptasen.