Otoque de chifre, o son dos afiadores da terra do meu pai, probablemente chegara a Miles Davis a través do traballo do etnomusicólogo norteamericano Alan Lomax e da súa publicación Spanish Folk Music (Columbia World Library of Folk & Primitive Music) do 1955. Os seus arquivos completos fixéranse públicos no 2012, pero a finais dos cincuenta unha selección do seu traballo xa formaba parte da mencionada publicación. Hoxe en día calquera pode acceder á información sobre o seu traballo de recolleita e investigación tanto na web da Biblioteca do Congreso dos EE.UU. coma na do CSIC, incluso ver a correspondencia do etnomusicólogo cos seus informantes e saber canto lles pagara polas súas contribucións.
No ano 2010, a través do director do festival de jazz de Barcelona, Joan Antón Cararach, recibín un e-mail do finado produtor, historiador e arranxista de jazz Bob Belden cunha idea do máis peculiar: facer un álbum adicado ás influencias utilizadas por Miles Davis no seu Sketches of Spain co gallo da celebración dos cincuenta anos da histórica gravación. Na nosa correspondencia, Belden escribía sobre o xeito que tivo Gil Evans de arranxar o tema The Pan Piper, e describía o que quería que eu fixese ao redor desa melodía... esa sesión de gravación marcou un antes e un despois no meu xeito de entender o poder do noso no mundo (Miles Español foi o nome do produto final, con colaboradores como Chick Corea, entre outros).
Imaxinar como gravara José María Rodríguez, o capador de porcos de Faramontaos, para Alan Lomax nos cincuenta, ou imaxinar como rematou inspirando a un dos grandes do jazz, é darse conta de que, ás veces, os límites só nolos poñemos nós.