Presenten armas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

14 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Jaime, o irmán do Juan Ramón do estanco, cóntame unha vivencia digna deste país das marabillas. Sucedeu en Madrid, cando cumpría o servizo militar. A protagonista é Cristina Almeida. Ela acudía a miúdo a un cuartel de soldados: Calle del Reloj, Madrid. Alí estaba a Auditoría de Guerra. Presentaba escritos ou consultas a algún militar auditor. Na antesala do xeneral estaban dous soldados. Os dous coñecían a relevancia de Cristina Almeida. Admirábana. E quixeron agradecerlle o seu labor social naqueles anos difíciles. Unha das funcións de Jaime como soldado era adiantarse ao xeneral, baixar correndo as escaleiras e mandar formar a garda. El dicía: «¡Guardia a formar con armas, el general». E cando os soldados se cuadraban, engadía: «¡Presenten armas!». A continuación pasaba revista o xeneral e saudaba militarmente. Pero unha das mañás que acudiu Cristina Almeida ao cuartel, a historia foi distinta. Jaime baixou a toda présa as escaleiras. E berrou como tantas veces: «¡A formar!». A tropa presentou armas como sempre facía. Á súa fronte colocouse Jaime, peito inchado, cabeza mirando ao ceo, firme, altivo, man dereita rozando o quepis ou ros (acepcións de gorra militar que saen nos encrucillados). Berrou máis forte que nunca, como unha consigna en contra da mili e da ditadura recén fenecida: «¡La tropa está contigo, Cristina!». E Cristina Almeida, sorprendida por aquel arranque propiciado polo soldado verinés, contestou: «¡Que no, por Dios, que no, que a mí las armas me dan miedo!». Jaime escribiulle esta historia a Cristina. O día menos pensado aparece en Verín. Juan Ramón xa dixo que ese día a nosa cuadrilla, con quepis ou ros, tamén presentará armas. A formar!!!