Luces e algunhas sombras

OPINIÓN

11 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Paréceme xusto dicir que o Goberno de Pedro Sánchez é moi sólido, e que, ao contrario doutros, non tivo medo ningún de que algúns supostos prestixios puidesen embazar o seu propio. É, pois, unha boa noticia, por non cotián, que demostre que non ten medo de que lle movan a cadeira. Bo comezo.

Para nós é moi preocupante a carteira de Economía, saudada con enerxía por Bruxelas, por Ana Botín e o neoliberalismo imperante con sospeitosa unanimidade. Alguén que estivo tan preto de Günther Oettinger, o comisario de orzamentos da UE (o que lle dixo aos italianos que tiñan que votar), é visto que foi unha servidora máis da economía conforme ao mercado defendida pola señora Merkel. Nesas circunstancias non parece que se poida agardar máis ca control do déficit e servizo á economía alemá.

Non se nos diga que era indispensable contentar á UE -á señora teutona, ao cabo-, pois ben á nosa beira temos o caso de Portugal, no que se demostrou, como a prensa inglesa, con moita atención, vén sinalando, que é posible facer unha política económica que, sen ser socialista, poida ser o menos antisocial posible.

O caso de Grande-Marlaska é o que máis desconcerto orixina: un home abertamente promovido polo PP e que sempre se moveu nun conservadorismo por veces mesmo reaccionario, nada estrañaría que fose proposto polo partido da gaivota ou polos alaranxados, nunca por un que se di de esquerdas. As razóns do seu nomeamento non se nos alcanzan.

Un bo Goberno, en xeral. Pero ese, por suposto, non é o problema. Mellor tería sido acadar unha solución á portuguesa, que tan bos resultados está dando, facilitadora sen dúbida dunha mellor gobernabilidade. Agora só está claro que temos un bo Goberno. Pero xa non o está tanto que poida gobernar. Confiemos.