Memorables

OPINIÓN

20 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai políticos que van polo camiño de seren recordados, máis que polo seu traballo, polas súas respostas estridentes e o seu dispor á polémica. No fondo, son seres memorables aos que non lles importa estar no centro do furacán. Tal é o caso do ministro Montoro, un ser arroutado, decidido, directo, que solta frases tan contundentes coma labazadas. E aí está, intocable, facendo números coas nosas contas e deixando, de cando en vez, titulares na prensa que pasan a engrosar un manual de frases para a historia política española. A última xurdiu como resposta ás críticas da oposición diante da censura existente na televisión pública estatal. Como xa fixera no Senado, Montoro volveu espetar no Congreso que a quen non lle gusten os informativos de TVE, pode cambiar de cadea. Felipe González e Aznar aplicaban a mesma tese. Só Zapatero, coitado, permitía elixir o presidente do ente público por consenso. E así lle foi. Total, a quen lle importa a flagrante falta de neutralidade que hai nas televisións públicas? Quen quere unha empresa profesional e non política? Ninguén, e menos o político que lle toca gobernar. Sospeito que na resposta de Montoro latexa, amais da sinceridade, un chisco de ansia por ser recordado. Ese seu desexo fai que veña á miña cabeza a imaxe dun amigo compostelán que gusta de pasear pola cidade vella e que, máis dunha vez, non sabe moi ben por que, se ve asaltado por turistas para que lles tire unha foto. El, resignado, accede e sempre enfoca e apunta aos pés. Nun principio, eu pensaba que era un xeito artístico e orixinal co que el resaltaba o significado do Camiño. Pero non, cando lle preguntei por que o facía, confesoume que ese era o único xeito de que se lembrasen del. Coma Montoro.