Arxentina

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

13 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xusto un ano, en Bos Aires, tentaba entender por que se triplicara o número de chabolas. Pola mesma, lidabamos con esas cousas da Arxentina: carísimo pagar alugueiros e comer nun bar, salarios baixos, e esa marabillosa desidia dos arxentinos sobre a súa economía. A culpa, dicían, era de Macri. Sempre pensei que iso é algo que os emigrantes galegos deixaron no carácter local: a fin de contas, nós estamos máis ca afeitas a esta cultura autodestrutiva na que as cousas nunca acaban de ir ben pero tampouco van tan rematadamente mal como para facermos a revolución, e ademais votamos a aqueles aos que culpamos das nosas desgrazas.

Se cadra é por iso polo que sempre sinto que Bos Aires é unha prolongación de min mesma, con todas esas persoas que poderían ser galegas se Galicia tivese unha cidade de 3 millóns de habitantes na que poder emprender soños, chorar nostalxias e tomar as rúas cando for preciso. Porque tamén en Bos Aires se sae a loitar polas verdadeiras causas xustas, esas que non teñen que ver cos cartos pero si coas vidas. Penso, por iso, nesas vidas das amigas e dos amigos que estes días ollan con ironía un déja vu no que o FMI volve ser o pesadelo.

Tamén estaba en Bos Aires nos días do corralito e aí fíxenme arxentina. O medo a non poder saír do país inxectoume no sangue un pouco da súa ansia por reconstruír un mundo no que as ideas importan e a cultura nutre a opinión pública.

E hoxe, pensando na dor que vai causar unha nova razia do FMI, volvo pensar que, no pasaporte de cada galega, debería estar escrito: «...e un pouquiño arxentina, tamén».