Auschwitz e o Congo


Fun ver a grande mostra sobre a vida/morte no campo de concentración de Auschwitz, que se presenta en Madrid no Centro de Exposicións Arte Canal. Tres horas de memoria doente de algo que sucedeu «non hai moito» e «non moi lonxe», segundo reza o subtítulo. E debo dicir que o percorrido por este sinistro capítulo de historia da humanidade segue a ser un pesadelo inasumible. Porque, para máis, a exposición encárgase de que un non se distraía, abafado polo mal.

Máis de 600 obxectos orixinais de Auschwitz, moitos deles mostrados aquí por primeira vez, ilustran un dos capítulos máis escuros da nosa Historia, que parece querer abrasarnos con tanta proximidade visual e con moitas voces que non paran de profundar na narración de tanto mal. Quizais isto explica que, a medio camiño, eu comezase a sentir unha saturación de desasosego que me fixo desprenderme dos auriculares. Tiña abondo co que se vía, coas imaxes gráficas.

Curiosamente, o día anterior eu asistira á estrea dunha versión teatral de O corazón das tebras de Josep Conrad, feita e dirixida por Darío Facal, fillo dun coruñés de Malpica. E alí estaba tamén o horror da explotación do mal chamado Estado Libre do Congo, impulsada polo rei Leopoldo II de Bélxica, con toda a brutalidade impune que se poida concibir. Tanto foi o horror que este mesmo rei mandou queimar os arquivos existentes en Bélxica e na colonia africana, para tratar de borrar todo rastro. Pero, ao cabo, unha brutalidade tan desapiadada e tan extrema non puido ser silenciada e hoxe está ben acreditada (véxase o libro El fantasma del rey Leopoldo, de Adam Hochschild, con ampla bibliografía).

Coido que non foron axeitadas estas dúas visitas que fixen seguidas á memoria do horror, e de feito deixáronme mal corpo. Porque todo iso non pasou hai mil anos, unha distancia liberadora, senón a finais do século XIX e primeira metade do XX. Onte coma quen di. Algo inexplicable que o sitúa a un no horror da desconfianza ante o que outros homes, aparentemente non tolos, fixeron hai pouco. Demoledor!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Auschwitz e o Congo