Xaquín Marín

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

05 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Editorial Galaxia publicou o libro Xaquín Marín. Arte e compromiso no humor gráfico galego, que recolle o esencial da tese de doutoramento que o investigador Félix Caballero fixo sobre o gran debuxante ferrolán. É curioso que a facilidade para a creación artística non se vexa como un don da divindade, senón como algo diabólico. Xa Platón dicía que os poetas levan un demo dentro. Confeso que tamén eu levo cincuenta anos coa sospeita de que Xaquín Marín fixo, de rapaz, un pauto co demo; e explico por que.

-Cantos nos dedicamos á creación plástica aprendemos o oficio pouco a pouco e descubrimos novas posibilidades día a día. Marín non; Marín naceu aprendido, e des que publicou a primeira viñeta ata hoxe exerceu a profesión de ilustrador como un verdadeiro mestre.

-Todos temos referentes e aprendemos de alguén, de varios ou de moitos. Xaquín non; o seu estilo non ten precedentes no mundo do grafismo, nin terá tampouco continuadores. É seu, só seu.