O título do artigo responde máis a un desexo que a unha realidade ou capacidade pola miña parte de pór fin á contenda. Entendo que na época do «Like & don`t like» este tipo de debates son moi apetecibles, como se pon de manifesto nos 25.000 votos emitidos que leva a enquisa de lavozdegalicia.es que no momento de escribir este artigo os seus resultados estaban equilibrados a favor ou en contra da súa catalogación como especie invasora. Nestes días relía o traballo dos profesores Poore e Fries, que no ano 1987 elaboraron un informe técnico para a FAO titulado: Efectos Ecológicos de los eucaliptos. A súa conclusión final foi: «No hay ni podrá existir una respuesta definitiva, a favor o en contra de las plantaciones de eucaliptos». Os autores establecían tanto para o presente como para o futuro a necesidade de estudiar cada caso de forma individual. Tamén me gustaría destacar o traballo publicado por Greenpeace no ano 2011 do cal son autores Xosé Veiras e Miguel Ángel Soto titulado: La conflictividad de las plantaciones de eucalipto en España (y Portugal). Este traballo comenza coa seguinte frase: «El árbol del eucalipto no tiene la culpa», para posteriormente establecer unha serie de propostas para reducir a súa conflictividade e que pasan inexcusablemente pola planificación forestal e territorial. En relación á planificación forestal dende xuño de 2017 circula un borrador de revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG). Este documento foi elaborado por un departamento da Consellería de Medio Rural co obxecto de servir de marco de referencia para as actuacións forestais en todo o territorio galego nos próximos 15 a 20 anos. Este plan, unha vez aprobado por decreto da Xunta, vai actuar sobre as dúas terceiras partes de Galicia, comprometendo o traballo de milleiros de empresas e afectando os intereses de centos de miles de propietarios. Dada a súa importancia non pode ser un documento aillado, como parece na configuración actual, ten que implicar, cando menos, a tódolos departamentos da Consellería de Medio Rural, non estar de costas á evolución do sector gandeiro, como aconteceu no PFG de 1992 o que explica en gran medida o seu fracaso. Non pode prescindir dunha análise seria do territorio, termo que repite en 136 ocasións, pero ao que non lle adica un só plano. Ten que ter en conta a previsión demográfica da Galicia de montaña de interior e da costa. Debe contemplar os espazos de valor ambiental nos cales a xestión forestal debe levarse a cabo con maior rigor técnico. Todos estes e outros problemas non se resolven na fase de exposición pública e alegacións se o que se pretende é o consenso. Acordo os argumentos a favor e en contra do eucalipto xa están sobre a mesa. Agora toca sentarnos, con empatía, recoñecendo que todos teñen unha parte de razón. Con intelixencia colectiva aplicada sobre o territorio, definindo o espazo que debe e pode ocupar o eucalipto. Debemos abandonar o discurso de «non hai quen os poña dacordo!» que xustifica decisións unilaterais e mantén a poboación entretida con fogos de artificio. Falando de fogos, o pasado mércores 17 abril presentouse o Plan de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Galicia do 2018. A súa previsión de gasto está no umbral dos 200 millóns de euros, un 12 % máis que en 2017 e o dobre que hai 10 anos. Os datos falan por si sós.