Para trazar con precisión o mapa da protesta cultural galega de 1968 hai que coñecer os versos que máis se lían e os que se cantaban, o que nos leva, dereitiños, ao autor de Longa noite de pedra (1962), a Celso Emilio Ferreiro, daquela «semiexiliado» en Caracas. Xa é significativo que o primeiro poema musicado por Voces Ceibes fose un texto de Celso Emilio, Carta a Fuco Buxán, que Benedicto compuxo e cantou en marzo de 1968; tamén é significativo que, dos catro primeiros discos da Nova Canción Galega (Barcelona, Edigsa), un deles, o de Xavier, acollese só versos de Celso Emilio Ferreiro (catro poemas).
Pero Celso Emilio, na diáspora venezolana desde maio de 1966, seguía producindo e publicando textos poéticos, moitos deles moi concordes co espírito inconformista dos estudantes composteláns que protestaban en 1968. Algúns deses textos foron expresión ou alimento das súas protestas. En efecto, no ano 1968, Celso Emilio publicou dous libros moi significativos: Viaxe ao País dos Ananos (Madrid, Ciencia Nueva, colección El Bardo) e Cantigas de escarnio e maldecir (Caracas, Nós). O primeiro, en edición bilingüe (que eu prologuei e traducín), circulou case con normalidade na España da época, pero o segundo foi un breve opúsculo que circulou clandestinamente naquela España, a de Fraga Iribarne, ministro -estou convencido- que sabía ben que Arístides Silveira, o autor dos poemas, era un pseudónimo de Celso Emilio Ferreiro. Este opúsculo é talvez un dos panfletos en verso máis aldraxantes e ridiculizantes que exista en calquera idioma. Poemas hai, de tal fasquía satírica, que don Francisco de Quevedo, aquel supremo alferrón literario, parecería, á beira de Celso Emilio, unha pluma de estro mol. Pero cómpre saber que este opúsculo de Celso Arístides Emilio Silveira non é unha alegación satírico contra Franco ou o franquismo; os poemas son aguillóns concretos contra persoas -bastante identificables- da colectividade galega de Caracas, os ananos, denunciados, con outro xeito literario, no libro legal. Por certo, unha das grandes voces da Nova Canción galega, Miro Casabella, musicou e cantou Lendo certo periódico menstrual, un dos trece poemas do opúsculo. Trátase dunha soflama contra certos monifates franquistas que, no seu afán de pasaren por galeguistas, citan e gaban a Castelao. Faino Celso Emilio con esta vis cómica: «Olla, meu irmau honrado, / o que acontez con Daniel: / os que o tiñan desterrado, / agora falan ben del».
Polo menos dous dos poemas de Viaxe ao País dos Ananos foron moi cantados desde 1968: Canción e Prá mocedade. Non eran textos rexoubeiro-aldraxentos, eran a lírica pura da revolta. A Canción finalizaba con estes dous versos: «Pobo meu: pois que cantas / érguete i anda».