A empanada

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

12 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

tía Coca habitou un fantástico mundo paralelo. Representaba perfectamente o clixé desta columna: o país das marabillas. Para ela Zubizarreta era Zorreta; Butragueño, Barreño; e ao premio Torrente Ballester, que a encheu de xúbilo porque o gañara o seu sobriño, chamoulle premio Torrino. Un verán de finais dos oitenta quixo pintar a casa da rúa Traviesa. Daquela os pintores de Verín estaban moi ocupados e respondían o mesmo: «Temos moito traballo, Concha, imposible pintarche en agosto». Finalmente foi quen de convencer ao Eugenio e ao Benito, habilísmos pintores da súa confianza: «É que me corre moita présa, teño que ir a Valencia xunto a miña irmá». Á irmá de Valencia, a miña tía Rosa, enviáballe a familia con frecuencia un paquete con viandas excelentes. Non faltaban as empanadas do Roscas, os chourizos da casa ou a augardente branca. Primeiro os paquetes ían por Correos, pero dende que se crearon as axencias de transportes, a Coca enviaba todo por Seú. Así chamaba ela á primeira axencia que operou en Verín (Seur). Servicios Urgentes de Transportes, en abreviatura para a miña tía: Seú. Polo tanto, esa era a súa referencia real para o itinerario que ía dende o val de Monterrei ao Mediterráneo: Verín?Valencia. Non foi pequeno o conflito que lle creou aquela confusión. Porque cando o Eugenio e o Benito deixaron, apurados pola Coca, o choio que tiñan nas mans para ir á casa da rúa Traviesa, ben se arrepentiron. Entrando en conversa preguntáronlle á tía Coca cómo era que tiña que ir con tanta urxencia a Valencia. «A miña irmá Rosa, que está mala», contestou. «E en qué vas, Concha, no tren?», preguntáronlle. Ela, con seguridade, dixo: «Vou no Seú». Como as empanadas.