Institucións ameazadas

Víctor F. Freixanes
Víctor f. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

08 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ocaso Cifuentes, con ser moi grave, agranda a súa gravidade pola implicación que en todo este asunto atinxe á institución universitaria. Falamos dunha universidade moi concreta, certamente: a Universidad Rey Juan Carlos (URJC), que dende as súas orixes en 1996 vén marcada por filiacións e sospeitas clientelares entre o Partido Popular e os seus principais dirixentes. Mais por extensión o escándalo afecta ao conxunto das universidades. A efectos de percepción social, a idea que o común da xente asimila é que unha universidade pública está implicada en prácticas, mañas e infamantes trapalladas que cuestionan non só a calidade do produto académico (formación, investigación, titulacións), senón a fiabilidade, a esencia mesma da institución. Igual vale unha que valen todas.

Etimoloxicamente a palabra institución vén do latín institutio que significa «o instituído», aquilo que fundamenta e estabiliza algo (físico ou intanxible), moi especificamente no que se refire á fundamentación e estabilidade do sistema social: o Estado. O Estado (status) é o que está, o que permanece. Nas súas orixes primeiras mesmo significaba «o que fica ou permanece en pé», ben chantado, valor de estabilidade que se fundamenta no recoñecemento social, na lexitimidade e na credibilidade que a sociedade lle recoñece.

As institucións son os esteos sobre os que se constrúe o modelo social: institucións políticas, institucións académicas, institucións de todo tipo que, no seu conxunto, conforman un tramado de referencias nos que se espella e recoñece a cidadanía. Hai quen pensa que dinamitar as institucións, cando estas non funcionan é o mellor camiño para o cambio social. Os procesos revolucionarios certamente actuaron así, mais para acabar construíndo novas institucións básicas que fundamentan o novo modelo.

Calquera observador da realidade decatarase de que nestes momentos hai unha crise moi profunda que afecta a practicamente todas as institucións do Estado. O caso Cifuentes é unha anécdota máis, diante da cal a institución universitaria (ferida na desfeita) non pode pechar os ollos. Non só as persoas responsables da URJC, senón o conxunto da universidade pública española, os seus reitores (a CRUE), e aqueles todos que dun xeito ou doutro participan do ámbito universitario: investigadores, docentes, estudantes, sindicatos, administración, persoal non docente, asociación de antigos alumnos, consellos sociais.... A todos salpica e manca un caso que, se non se lle pon remedio (non unha fuxida cara adiante), devalúa gravemente o modelo e converte nunha xigantesca estafa o que historicamente foi e segue a ser nas sociedades desenvolvidas o gran capital do futuro: a formación e o coñecemento. A responsabilidade das autoridades (políticas e académicas) é moi grave, espello do que está a suceder noutros ámbitos.