Da casa da Troia á praza Roxa

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

17 mar 2018 . Actualizado a las 12:46 h.

Compostela oscilou sempre entre o sosego do tempo suspendido e o impulso renovador. Expresouse así no sentir das persoas e mesmo nos edificios e espazos públicos. Ás veces a cidade pétrea era abrumadora, nós éramos transeúntes que, como ben escribira Rosalía, necesitabamos aire.

Nesa dualidade entre o refuxio e a ansia de horizonte, Pérez Lugín escribía en 1915 La casa de la Troya. Xa pasara o vendaval transformador de Montero Ríos e naquela Compostela modernista, na que Jesús López de Rego asinaba as novas arquitecturas, entraban na Universidade as primeiras mulleres entre a penas un milleiro de estudantes que, xunto cos escasos viaxeiros, aínda non turistas, se repartían nun conxunto de pensións e establecementos modestos.

As finanzas tomaban pulo coas achegas dos retornados que viñan «cobrar todos los días en nuestras ventanillas giros que traían de Argentina, de Brasil y especialmente de Cuba». Grazas ao recente libro de Xoán López Facal sobre a banca Olimpio Pérez e fillos, podemos coñecer a faceta emprendedora da cidade universitaria.

Cincuenta anos sitúannos en 1968 e na Praza Roxa, en sintonía cos ventos parisinos. Cos primeiros estertores da ditadura, había urxencia por romper freudianamente co pasado, coa tradición que nos parecía anquilosante, que se manifestaba entre os herdeiros da Casa da Troia substituíndo estudiantina e picaresca por compromiso político. Estes días conmemóranse aqueles episodios con Emilio Pérez Touriño, Tini Areces e Blanca Caamaño, entre outros. Vinte e cinco anos despois, cadrando co proxecto innovador Compostela 93-99, o lembrado Benigno Amor e outros troianos petan á porta do Concello para recordarnos que aquela cidade da tuna tamén é Compostela. O Museo da Casa da Troia viña supoñer un punto de conciliación entre un pasado descomprometido e aqueloutra etapa tan rigorosa en cuestións de ideoloxía. Consistía en socializar as dúas formas de ser que, daquela, eu me atrevera a designar con dous neoloxismos: compostelanear como o verbo que expresa o susurro da calella, as tazas no Franco, o parladoiro na tenda, que comparto aínda con amigos como o actor José Luis Bernal, Farruco; e outro termo, neocompostelanismo, que viña ser o envés do primeiro. Era necesario xerar un novo compromiso social a través da innovación, doutras formas distintas, a chamada modernidade capaz de involucrar os corenta mil estudantes e convertelos en cidadáns, en amantes da capital de Galicia. Compostelanear era a nova Casa da Troia, neocompostelanismo era a città aperta.

Transcorridos outros vinte e cinco anos, no 2018, a xeografía humana troiana e prazarroxista non volverá, pero é parte consubstancial do noso eu colectivo. O 8 de marzo pasado as rúas enchéronse de mulleres reclamando que todos sexamos feministas, por convición e por praxe. A virtude de Compostela é ter lugares e prazas para conciliar, galeguizar, urbanizar, ruralizar, globalizar, sen conflitos, coa cultura como fío condutor.