Perigosas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

08 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribo despois de participar nun congreso titulado As mulleres que opinan son perigosas. E eu, que creo que cando son mala son mellor, estou que non caibo no traxe porque, por fin, se me vexa a perigosidade de toda eu, por fóra e por dentro, e sobre todo xusto debaixo desta cabeleira loura que a tantos tenta pensamentos impuros (refírome a pensaren que son parva). Somos perigosas porque o que temos en común é que liberamos os corpos para apropiarnos da nosa liberdade a través do pensamento. Como coñecemos o poder que nos outorga termos unha voz visíbel, somos perigosas. E sobre todo é un perigo sabermos usar esa voz para incomodar. Pero todo ten unha cara B. Ao tempo que nós poñemos en escena todo isto, as redes veñen de encherse de compañeiras actrices, xornalistas, irmás que, coa ollada nos Mestre Mateo, amosaron os seus corpos fermosamente engalanados como logro feminino e feminista. E non digo que iso non sexa un pouco así, pero ese tamén é o engano dun sistema que quere contentarnos con só a presenza a través dos corpos cubertos cun burka simbólico (escotado, negro, de seda, tanto ten), ese con que elas mesmas agachan o que as levou aí: o seu talento e traballo brutal. Que mudaría se, en lugar de só contaren quen as viste, as calza e as peitea, tamén fixesen valer o motivo polo que figuran, aproveitando que Instagram non limita o número de caracteres? E se as mulleres, que sabemos desde hai moito do poder dos nosos corpos, optásemos pola arte de xuntar iso coa nosa intelixencia?