Gonzalo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

06 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Chamábase Gonzalo e era un bo amigo. E por iso, precisamente por iso, por facer uso da amizade, perdeu a vida. Co que custa atopar un bo amigo! E mantelo! E a el golpeárono ata a morte por non abandonar a unha moza que acompañaba, por defendela ante as agresións duns descoñecidos... Pasou a recibir os golpes el. Tan graves e descomunais que lle paralizaron a vida. Non se lembran moitas veces dos amigos da infancia, da escola? Dos que estaban afianzados pola inocencia da nenez... dos que se perderon cando a vida se foi complicando, dos que quixeramos recuperar, dos que nos fixeron felices... dos que xa non hai. A que anos se perde a naturalidade? Non o sei. Pero o certo é que hai un momento en que nin sequera a amizade é sinxelamente un sentimento de afecto e confianza. Revírase. Que falta de sentir esas apertas sinceras. Ai... onde foron! A amizade vólvese unha bolboreta fráxil e efémera. Voa, foxe... desaparece. Gonzalo era un bo amigo, a conservar desde a infancia, pois non vai saír correndo ou dar as costas ante un problema. Foi o último que lle deu tempo a demostrar na súa curta vida. Nunha vida que podía ser marabillosa e que se truncou porque non permitiu que a amizade se volvese fráxil ou débil. Regresaban a casa despois de saír de festa. Acompañaba unha amiga. Parou. Increpárona. Defendeuna. As voces e os golpes volvéronse contra el. De aí foi ao hospital, e do hospital... xa non saíu con vida. Quixera ter un amigo coma Gonzalo, sempre e cando iso non lle custase a vida.