Dignidade de libro

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras PENSAMIENTOS IMPERFECTOS

OPINIÓN

«Matar un home é algo moi duro. Quítaslle todo o que ten e todo o que podería ter». En Sen perdón, o filme de Clint Eastwood, o pistoleiro William Munny referíase á inxustiza da morte na súa estrita literalidade. A eses disparos no vello Oeste que asasinaban a golpe de Colt. Pero hai moitas formas de poñerse a morrer a prazos, algo así como irse despedindo en vida dun futuro que non será. Ocorre cando a un lle rouban as ilusións xa na infancia. Aparéceseche un William Munny en clase e mata todo o que poderías ser. Vímolo na melancolía da xubilada coa que falou Évole no último Salvados, que un día soñou con estudar Dereito e nin sequera puido rematar o colexio por ter que atender as necesidades da familia. «Me revuelve las tripas no haber podido estudiar», dixo. Resultou conmovedor escoitala porque retratou a circunstancia vital duns homes e mulleres, nacidos na posguerra, que non puideron acceder á educación máis alá duns coñecementos básicos, pero que traballaron duro para mandaren logo os fillos á universidade.

A entrevistada, lectora de Ken Follett e Rosamunde Pilcher, falou con orgullo da súa colección de libros de segunda man e declarouse usuaria das bibliotecas públicas. Había tempo que non escoitabamos unha defensa tan emocionante da lectura: «Disfruto leyendo. Me da cultura. He aprendido muchísimas cosas en los libros. A expresarme, a hablar». Alenta escoitar palabras así, pronunciadas coa sabedoría de quen conserva as cicatrices da escaseza, agora que as humanidades perderon a súa capacidade de actuar coma motor social. Eses xubilados de hoxe, aos que lles debemos tantas licenciaturas, mestrados e doutoramentos, que medraron sen libros ningúns na casa porque eran un luxo inalcanzable, fixeron todo o posible por encher as mochilas dos seus fillos con Stevenson, Dumas ou Verne. Rebeláronse contra a reencarnación do William Munny que axexa sempre nos barrios e nas aldeas. A eles matáronlles o que puideron ser, pero pelexaron para que non se consumase o crime coa seguinte xeración. Agora collen forza nas bibliotecas e saen á rúa para defenderen as súas pensións. Están lendo demasiado.