O día azul

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Hoxe, mentres eu sento diante do ordenador, é o Día Internacional da síndrome de Asperger. Leo varias entrevistas de xente que curiosamente vive moi próxima a min e coa que comparto lugares apracibles e que, ademais, sofren esta síndrome.

Hai moito que me importa esa xente, o seu mundo interior, tan extremadamente rico que non somos quen a alcanzalo. Non son raros, son especiais, extraordinarios. Sensibles. Curiosos. Selectos. Carmen e o seu fillo Rodrigo falan e escriben nunha mestura aleatoria de idiomas e alfabetos porque os precisan para darlle a énfase correcta ao que queren dicir, a expresar o que senten. Oxalá todos tiveramos tan en conta os nosos sentimentos e souberamos definilos cunha calidade tan clarividente. Pero non. Non o somos. Somos máis mediocres. E, porén, os que sofren son eles.

Síntome culpable de formar parte dunha sociedade cruel e pouco evolucionada na que a diversidade aínda se penalizada, onde a diferenza, en lugar de riqueza, resulta castigada.

Lin hai anos o libro Nacido nun día azul, onde o seu protagonista fala do día a día baixo o Asperger. Amosa sensibilidade e intelixencia exquisitas e... practicamente é incapaz de saír da casa. A contorna faino máis difícil aínda.

Deberiamos facer uso da empatía. Deixar de crucificar aos doutra raza, outra lingua, outras capacidades, outra personalidade... A diferenza é un acto de valentía, e debera valorarse positivamente. Vai ser que só sabemos vivir en manda e saír do rabaño pode custar caro.

Fóra acoso.