Un paso cara á igualdade

OPINIÓN

19 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1992, cando eu traballaba de funcionario no Ministerio de Educación en Madrid, solicitei o tempo de lactación da miña filla pequena, que era aleitada con biberón. Sumaba a esta circunstancia o feito de que a miña muller estaba en excedencia e tiñamos os meus sogros enfermos.

Lembro a cara de estrañeza da muller que rexistrou a miña petición no Ministerio. Debeu de pensar que o meu sentido andaba polas silveiras ou que eu quería emular eses castrexos que, derreados, se deitaban uns días nas pallas logo de que parisen as súas mulleres. O certo é que a miña instancia provocou unha reunión do ministro Rubalcaba cos seus funcionarios para estudaren o tema.

Finalmente, denegaron a miña solicitude aludindo que a lactación era un dereito exclusivo da muller, mesmo se á nena non se lle daba o peito. Aceptei con resignación o veredicto, aínda que o meu interese non era o de tirarlle un dereito á miña muller nin o de liberarme de horas de traballo na oficina senón o de aleitar a miña filla e tamén facerme cargo da súa crianza. Vén isto a conto polo borrador de anteproxecto de Lei de Emprego Público Vasco que, con independencia do sexo, pretende igualar a duración dos permisos de maternidade e paternidade, non facéndoos transferibles entre a parella.

Non cabe dúbida de que esta nova equiparación, inspirada nas leis dos países nórdicos, sería algo modélico e fomentaría a igualdade no traballo doméstico, na corresponsabilidade á hora de coidar dos fillos e tamén axudaría na loita contra o paro feminino, porque se se introduce no sector privado, evitaría a discriminación que actualmente sofre a muller que se atopa en idade de xestación. Desta volta, a reticencia dos empresarios por un posible embarazo tamén se estendería aos homes.