Stalingrado: 75 anos

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

A celebérrima batalla de Stalingrado, crucial no devir da II Guerra Mundial, finalizou, coa vitoria soviética, o 2 de febreiro de 1943 (hai, pois, setenta e cinco anos). Eu acababa de cumprir catorce e non fun alleo a un ruxerruxe que circulaba pola aldea sempre en voz moi baixa, sobre todo cando os transmisores da noticia tiñan sona de «desafectos» ao réxime. Eles transmitíana como unha boa nova: tan boa e tan importante que, cando menos, significaba que o Exército de Hitler non era invencible. Os grandes xornalistas e os historiadores non tardaron moitos anos en confirmaren a percepción dos antifranquistas da miña parroquia (e de toda España). Historiadores e xornalistas houbo que foron máis alá: Alemaña comezou a perder a guerra en Stalingrado (febreiro de 1943), non en Normandía (xuño de 1944), pois o éxito e a transcendencia do desembarco de Normandía explícase, en boa parte, pola debilitación nazi posterior a Stalingrado. O ruxerruxe de febreiro de 1943 era un texto oral entusiasta (aínda que, foneticamente, frouxo) non só protagonizado polos comunistas: protagonizárono todos os antifranquistas, todos os antifascistas. O mesmo acontecía noutras esferas, dentro e fóra das nosas fronteiras.

Referireime a un acontecemento moi significativo no que tivo un importante papel o poeta galego Antón Zapata García (1886-1953), emigrante na Arxentina desde que era moi novo. Foi el quen gañou o primeiro premio dun certame poético convocado en Bos Aires pola Junta de Selección de la Agrupación Democrática del Espectáculo Público. Cómpre aclarar que o tema do certame, Himno a Stalingrado, non se propuxo para cantar a vitoria senón a defensa, a heroica defensa da cidade. Próbao tamén o feito de que o poema laureado, de Antón Zapata, foi publicado a fins de novembro de 1942, cando a sorte da batalla aínda non se decidira. Titulouse o himno premiado Heroica Stalingrado. Estes e outros datos figuran nun documentado artigo do profesor Miro Villar, máxima autoridade na vida e na obra de Antón Zapata, quen, na penúltima estrofa do seu himno, proclama: «De los hechos que al mundo hoy asombran / defendiendo la humana IGUALDAD, / el recuerdo dirá: ‘STALINGRADO’ / fue una estrella de luz fraternal». De feito a Irmandade Galega de Bos Aires, dirixida polos galeguistas, organizou un xantar como homenaxe ao escritor premiado, xantar presidido por tres deputados republicanos que non eran comunistas: Castelao, Elpidio Villaverde e Alonso Ríos.

Por primeira vez un dos exércitos aliados contiña en Europa o espectacular avance nazi. Os demócratas do mundo enteiro tiñan que celebralo.