Domingos Merino, o alcalde da decencia ordinaria


Escritor e xornalista

Hai unha visión edulcorada da chamada Transición política, que presenta ese período como unha especie de confortábel tránsito entre unha ditadura e unha democracia, en que os cadeados se abrían soíños, os arames non tiñan espiñas, os cárceres eran unha especie de hoteis, a policía política do réxime só causaba algunha incomodidade aos detidos e os chamados grises non daban malleiras, senón que se limitaban a «desprazar elasticamente aos manifestantes».

Non, aquilo non foi un paseo alfombrado. Foi unha loita. Unha loita con intres de alto risco. Como sabedes, a espada que pendía sobre Dámocles estaba soamente suxeita no peito por unha crina de cabalo, colocada alí polo tirano. Se aínda hoxe, cando asistimos a un retroceso nas liberdades -a chamada lei mordaza, por exemplo-, se aínda hoxe sentimos o fío desa espada enriba das cabezas, como non sería nos anos do tardofranquismo, cos poderes da ditadura aínda rufos e conspirando, como se comprobou co golpe do 23-F.

Nese tempo é cando Domingos Merino acada a alcaldía da Coruña. Lembro aquela noite de alegría. Unha festa curadora, despois de tantas décadas de represión e terror. Unha homenaxe a todas as almas fanadas dunha cidade de berce e cerna republicana, librepensadora, libertaria, de esquerdas, co seu último alcalde socialista asasinado aos poucos días do golpe. Si, foi unha alegría que estaba en semente. Un dos días máis felices da cidade. Volvían os depósitos da esperanza.

Isto foi en 1979. Un ano despois tiven a oportunidade de traballar moi de preto co alcalde Merino. Por un proceso de oposición pública, e como licenciado en Ciencias da Información, aprobei o posto de xefe de prensa do Concello da Coruña, que logo deixei por vontade propia.

Foi ese traballo, a práctica día a día, intensísima, sen apenas respiro, o que me levou a coñecer ao político, si, e tamén á persoa. No seu caso, non había dobrez. Non había Jeckill e Hyde. A man dereita sabía o que facía a esquerda. Domingos Merino era demócrata, si. Era de esquerdas, si. Era nacionalista, si. Mais por riba de todo encarnou como alcalde a «decencia ordinaria». Esa calidade, a da honestidade cotiá, que George Orwell salientaba como verdadeira heroicidade. Sempre o diálogo, sempre a negociación, sempre o troco de ideas. Sabía que tiña que gobernar, mais endexamais confundiu a tarefa de goberno coa imposición, coa doenza de dominar, coa egolatría, e moito menos aínda cos intereses privados.

Foi tamén, fronte á lenda negra que se espallou despois, un alcalde eficaz. Foron moitos os proxectos que entón se puxeron en marcha, sobre todo no espazo urbanístico, no que tanto traballaron tamén dous grandísimos concelleiros: Rafael Bárez e Pura Barrio. Nunca houbo tanta participación como daquela no concello da Coruña. A democracia estaba no ar, non secuestrada nos caixóns.

El non fracasou. Fracasaron as forzas que tiñan que manter o tesouro da unión, e que se foron esfarelando por intereses particulares e pola impaciente ambición de poder.

Pero hai que dicir a verdade e que fique ben gravada para a historia, como a sílex no granito da península da Torre. A Merino, primeiro alcalde democrático, legal e lexítimo, honesto, ilustrado, decente, houbo elites da cidade que o trataron como unha especie de inimigo público.

Se o alcalde Merino vestía traxe e gravata era un señorito que traizoaba á esquerda; se o alcalde Merino ía en mangas de camisa en pleno verán era unha deshonra para a cidade. Se o alcalde Merino ía a unha función relixiosa, era un hipócrita que traizoaba os seus principios. Se o alcalde Merino delegaba a función do voto, de acordo co seu pensamento laico, era un especie de demo masónico que ademais xogaba ao xadrez. Acusárono de non defender dabondo para que A Coruña fose a capital da comunidade autónoma, un proceso en formación. As mentiras non duran eternamente. Quen foron os que decidiron a capitalidade de Galicia? Dende logo, non foi Merino. Como o personaxe de Ibsen, como o honrado doutor que nesa obra maxistral denuncia os intereses creados, Domingos Merino dixo a verdade, defendeu a súa cidade, mais sen demagoxias para consumo estupefaciente.

Podía terse mantido contra vento e marea. Chantarse no poder coa súa vara de alcalde. Enrocarse como un mañoso xadrecista. Mais o alcalde Merino non era da caste de manobreiros.

O seu adeus foi o da dignidade. O da decencia ordinaria. O de quen nunca puxo en suspensión, en aluguer, a súa conciencia.

Este texto foi lido na última homenaxe, promovida polo BNG, a Domingos Merino

Por Manuel Rivas Escritor e xornalista

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
69 votos
Comentarios

Domingos Merino, o alcalde da decencia ordinaria