A escaleira de Isaac


O pasado domingo, 7 de xaneiro, a Academia Real Díaz Pardo, que preside o profesor Alonso Montero, lembrou a memoria deste emprendedor, intelectual, polifacético artista, galego comprometido, coincidindo co sexto aniversario do seu pasamento. En realidade Isaac finou o día 5, mais a conmemoración acordouse para o domingo, que cadraba tamén co cabodano de Castelao (Buenos Aires, 1950). Alí estabamos os amigos, os que admiramos o seu traballo, a súa xenerosidade, o seu talento, e mesmo representantes de xeracións mais novas, mozos e mozas que non o coñeceron en vida, mais saben da súa obra e da súa significación. Dicir Sargadelos, aínda que agora a empresa tripa outros roteiros, é dicir Isaac Díaz Pardo, e Luís Seoane, aquel grupo de soñadores que imaxinaron no exilio unha Galicia posible e para acó volveron (1963), para construíla: o Laboratorio de Formas, o Museo Carlos Maside, as factorías de Sada e Sargadelos, Ediciós do Castro, o Instituto Galego da Información...

Na historia cultural da Galicia contemporánea hai dúas datas especialmente significativas: 1950, a creación en Vigo da Editorial Galaxia; e 1963, a creación do Laboratorio de Formas de Galicia, o proxecto Sada-Sargadelos, que xa se viña xestando dende a experiencia de La Magdalena en Buenos Aires cos grupos do galeguismo republicano no exilio. Certo que houbo outras iniciativas, mais sobre estes dous esteos principais asentou o proxecto do galeguismo que, case que milagrosamente, resistiu non só a traxedia da guerra civil senón a durísima posguerra. A biografía de Isaac é un relato estremecedor dese tempo, tan aveso, tan difícil e que, nembargantes, eles souberon encher de esperanza e de enerxía.

No ano 2006 tiven a honra de participar nun libro colectivo de homenaxe a Isaac (Creación e compromiso na Galicia do século XX) e alí escribín por primeira vez das escaleiras: Isaac Díaz Pardo construtor de escaleiras. Volvín á imaxe o outro día en Boisaca. Coa perspectiva do tempo aínda semella mais poderosa a estampa. Cada vez que Isaac construía un proxecto, que normalmente se materializaba nun edificio, axudado en moitos casos polo seu amigo Andrés Albalat, case o primeiro que facía era poñer unha escaleira. Non sei se o facía de xeito consciente, pero antóllaseme unha magnífica alegoría. A escaleira apuntaba cara o ceo, cara algún lugar non definido, escaleira sen fin, que conducía ao territorio dos soños. Arredor dela, banzo a banzo, ían medrando as habitacións, os espazos de traballo, os distintos apartamentos, sempre coa lóxica de dar servizo e coherencia á idea que se pretendía. E sempre ao servizo dunha causa, que foi a gran empresa da súa xeración: a reconstrución da Galicia que non se abaixaba, nin se rendía, porque a vontade dos seres humanos, cando responde a un proxecto certo, non sabe de derrotas.

Autor Víctor F. Freixanes Presidente da Real Academia Galega

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
22 votos
Comentarios

A escaleira de Isaac