Alfombra vermella

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

12 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Varias publicacións estadounidenses, como o New York Times e o Vogue, prometeron mudar o tratamento das alfombras vermellas como contribución a esta especie de revolución cuxa espita abriron as actrices de Hollywood quen, fartas de estaren sometidas ao acoso sexual, decidiron destapar os porcos. Tamén o fixeron as francesas, por certo, agás o cento de asinantes dun manifesto que reivindica o dereito a ser acosadas como síntoma de liberdade (non sei que droga lle botarían á galette des Rois).

Ao que ía: a prensa americana decidiu instruírnos, sendo consciente de que as persoas que len ese tipo de reportaxes son maioritariamente mulleres desexosas de estar ao día en cuestións de beleza e moda (canto tempo perdemos con iso mentres ás irmás de África lles cortan o clítoris, di a miña amiga Mariana cando ve alguén co Vogue na man). Así que, en lugar de centrarse só na cuestión superficial, van avisar tamén de que esas mulleres están aí por cousas alén da súa beleza convertida en mercadoría. Por un papel maxistral. Por contaren unha historia marabillosa. Porque cantan ben. Porque escribiron magníficos guións... Non por iso non hai foto (ás escritoras non nos quere a cámara).

E cumpriron. Foron os Globos de Ouro, e a sección de estilo do New York Times centrouse no simbólico negro co que acudiron as actrices como forma de loitar contra o acoso. Aínda que faltou dicir algunhas cousas. Que protestan cun Givenchy negro mentres a maior parte das mulleres do mundo teñen que loitar polo pan. Que os seus corpos seguen sendo o mesmo obxecto de cando ían de vermello. Que a alfombra vermella aínda é só un desfile de mulleres que agachan o cerebro na roupa.