Paz na terra

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

27 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na miña casa de Mondoñedo había unha Biblia e, como había poucos libros, eu desde os oito anos lía todo o que tiña a man. A Biblia era protestante, é dicir, non tiña comentarios aos textos, así que o que non entendía preguntábao ou, máis frecuentemente, para non dar a lata, interpretábao á miña maneira.

Un Nadal preguntei quen eran os «homes de boa vontade» a quen os anxos desexaban paz no nacemento do neno Xesús. A miña nai díxome que eran as persoas boas. E cando eu dixen: E que pasa entón cos malos? a miña nai respondeu como adoitaba: «Anda, segue lendo, que xa o entenderás».

Entón volvín para atrás, aos primeiros capítulos daquel gran libro, que eran os que máis me gustaban, e lin amodo no Éxodo a parte das dez pragas que Yahvé enviou aos exipcios para liberar ao pobo de Israel que, segundo o libro, era o pobo de Deus. E cheguei á conclusión de que aquilo de «Gloria a Deus nas alturas e paz na terra aos home de boa vontade» encerraba unha clara ameaza e que os malos, igual que os exipcios, íanse decatar de como as gastaba Yahvé cando lle levaban a contraria.

Ao facerme maior, a curiosidade levoume a ver como interpretan esas palabras as biblias católicas e non teño visto que o comenten. A Biblia en galego di «Gloria a Deus non ceo e na terra paz aos homes que gozan do seu amor». Dos outros, nada.

En fin… Deséxolles unhas pacíficas festas de Nadal e un pacífico 2018, e que Deus nos colla a todos confesados!