Canadá

Xosé C. Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Era unha tarde de domingo coma outra calquera. De inverno, fría e coas follas da outonía arrombadas no xardín. O meu primo Gerardo, que exerce de oficial botánico da casa, estivo de faena. Logo, partido. Estabamos sós. El, a prima Luísa, Berta e mais eu. Había pouco do que falar logo da nova vitoria do noso equipo. Eu lin nun faldrón de noticias da televisión que unha parella de notables da industria farmacéutica, en Canadá concretamente, morreran en circunstancias misteriosas. Non sabía nada. Algunha fin de semana adoito desconectar das actualidades para pensar que o mundo vai mellor, máis alegre e menos acuciado por sucesos de toda índole. Non sempre o consigo. Aínda que recomendo tal terapia a todos os meus lectores: a desconexión. Ou a ausencia, que é o modo perfecto de sacármonos pesos e cargas e preocupacións. Algunha tarde semanal alcanzo tal graza por virtude da miña cuadrilla. Non sempre. O Mariló anda con gripe e o meu humor, nestas circunstancias, é un deserto. Por iso non esperaba eu as risas tan vehementes do domingo. E todo por Canadá. Preguntei ao Gerardo que pasara. El tomou tempo en contestar. Un grolo de cervexa. Miroume con ollos de historias para non durmir e deume a razón da morte da parella canadense. Estas foron as súas palabras exactas: «Din que se suicidaron o un ao outro». A Luísa caeu do sofá coa risa. Eu case afogo. Berta mirábanos con abraio e allea ao balbordo. Imaxinamos que quería dar unha explicación complementaria á frase que acababa de pronunciar o noso primo. Así foi. Engadiu: «O Gerardo quería dicir que primeiro se suicidou un e despois matou ao outro». Era unha tarde de domingo coma outra calquera, fría. Menos mal que nos quedaba Canadá.