Chuvia miúda

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

11 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Algo choveu estes días. Pouco, pero algo si. O que pasa é que non nos decatamos porque dicimos que son catro gotas e, se chove, que chova! Así somos en Galicia, afeitos a que as cousas nos veñan aos poucos, sen provocar escándalos, ao calado. Na meseta, conste, xa comezaban a preocuparse. Vense nubes ao lonxe. E é que... logo das pingas día si, día non... cae unha treboada, unha cicloxénese ou un ballón, chámenlle como queiran, e os sumidoiros acaban por rebordar. Non vén nada mal unha treboada revolucionaria destas, para poñernos alerta. Porque logo, iso si, teremos memoria de peixe, coma se os que visten escamas puideran coarse polas reixas das cloacas das cidades, sen que o lixo e a podremia lles afecte e chegar ao mar para nadar libres e puros novamente.

Non vai así o conto. Preocupémonos coas bategadas, porque os peixes quedarán tendidos polas beirarrúas, e cando o delampo faga acto de presenza, será tarde para axudalos, xa asfixiados. As pingueiras poden ser de auga, procedentes das nubes, presaxiando a futura descarga intensa. Pero tamén pode ser un contagotas de casos de corrupción, de neglixencias, de irresponsabilidades, de mentiras, de ilegalidades... Ollo! Non xuntemos máis desas catro pingas, porque a pingueira convértese axiña nunha mancha de humidade que moito destrúe, nunha fuga de auga imparable, nun torrente que o arrasa todo, nunha cicloxénese que arrasa co que ten diante. Oian! Que unha limpeza a tempo... tampouco está nada mal! O caso é chegar ao fondo!