A maioría natural

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

05 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O éxito de Manuel Fraga na construción da maioría natural na dereita española tivo como consecuencia unha limitación da oferta para os votantes da dereita e o centro dereita que teñen todas as súas opcións concentradas nun único partido. Os democristiáns, os liberais, os conservadores dos sistemas políticos europeos están todos aquí na mesma formación, o Partido Popular. Pero tamén outras correntes políticas e ideolóxicas, como os socialcristiáns, os monárquicos, os tradicionalistas, tamén parte dos centristas e a dereita máis autoritaria e mesmo a extrema dereita. Pero ademais os que non queren que gañe a esquerda ou os que prefiren unha sociedade menos laica, non atopan máis opción que votar ao PP. 

Esta realidade definiu un sistema de partidos moi limitado na dereita e moi plural na esquerda, só compensado territorialmente pola dereita e o centro nacionalista en Cataluña e País Vasco, que por iso actuaron como partidos bisagra de feito, ou temporalmente Coalición Galega.

Manuel Fraga idealizara o bipartidismo inglés e o da Restauración para argumentar o seu modelo ideal, pero en realidade nin un nin outro foron estritamente bipartidistas: o inglés conta cun partido liberal que desempata e o da Restauración só foi puramente bipartidista dúas décadas. No resto de Europa, Alemaña e Francia incluídas, non hai un único partido que reúna toda a dereita durante tres décadas. O frontismo foi cousa dos anos trinta. O obrigado pluralismo limitado do PP, reunindo tanta diversidade interna, foi ben descrito por J.J. Linz para caracterizar o franquismo.

A construción da maioría natural despois da Transición foi a grande idea e a grande tarefa de Fraga. Fixo un traballo teimudo para logralo e logrouno, conseguiu unificar a toda a dereita nun único partido, paso a paso, derrota a derrota, congreso a congreso até o X de Alianza Popular, en 1990, cando se crea o PP. Pero nunca empezou a contar de novo, o seguinte congreso foi simplemente o XI do PP. Quedáronlle algúns flocos, pero integrounos de diferentes xeitos; en Galicia papou Centristas de Ourense; en Baleares, á UM deglutiuna a corrupción; en Aragón, ao PAR rexionalizouno. Non puido nunca coa navarra UPN, froito de grandes desavinzas históricas entre tradicionalismo e Movimiento ao longo do franquismo.

O de Fraga foi un éxito pero limitador, condicionante e continuador. Despois de que a terceira xeración do Movimiento (Suárez, Martín Villa etc.) pilotara o tránsito ao posfranquismo por riba da segunda (Fraga, López Rodó, etcétera), incapaz de facer o que fixeron os novos, e despois de que o PSOE situase aos herdeiros orgánicos do franquismo e á dereita non franquista fóra do poder e con poucas perspectivas de recuperalo, Fraga logrou reconstruír todos os restos nunha única formación. O continuísmo foi pilotado pola segunda xeración ao apartar á terceira que pilotara a transición. O condicionante derivado do éxito de Fraga segue sendo seguramente unha certa minoría de idade democrática do votante da dereita, nunca enfrontado á necesidade de optar, de elixir, nunca adestrado na liberdade de mudar de partido, pois a única alternativa que tivo desde 1990 foi votar á esquerda. Até agora.