A primeira vez que pisei terras bretoas foi no ano 1986, en concreto na cidade portuaria de An Orient (Lorient) con motivo da celebración do XVI Festival Intercéltico. O certo é que aínda que era a primeira vez que estaba fisicamente en Breizh (Bretaña) xa coñecía moito daquel país grazas a ser un admirador da obra do gran bardo Alan Stivell: con el mergulleime e descubrín parte da apaixonante historia bretoa coa que nos unen unhas cantas cousas comúns. Chama poderosamente a atención na Bretaña o parecido da paisaxe, da arquitectura, do clima, das xentes, dos costumes e das tradicións. A súa vexetación é semellante á que podemos atopar aquí: carballos, bidueiros, salgueiros ou acivros, mesturadas con montes cheos de toxos, silveiras, breixo e verdes prados, entrecortados por ríos e regatos, fana tremendamente parecida a Galicia. O granito e a lousa son as pedras coas que se erguen as súas vivendas e as súas máis tradicionais construcións anexas, como os pombais ou os alpendres, así como tamén os centos de castelos, igrexas e cruceiros que inzan de beleza todo o territorio bretón e dos que o noso Castelao fixo un pequeno pero moi interesante estudo. A Bretaña dos menhires e os dolmens, dos korrigan (trasnos), das crepes (filloas), da sidra, das biniou kozh (gaitas) e das bombardas nas típicas fest notz (foliadas, fiadeiros…), das rías e do máis fero atlántico, dos petroleiros embarrancados, da negación da súa propia cultura e da resistencia a desaparecer como un pobo diferente onde aínda se fala a única lingua céltica viva da Europa continental. A Bretaña irmá, terra fermosa nunha latitude máis ao norte e que latexa aínda vida, sobrepoñéndose ao tempo entre o mundo visíbel e invisíbel.