Nacionalismos tóxicos

OPINIÓN

27 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É feito en xeral admitido que a deriva secesionista do nacionalismo catalán aviveceu o nacionalismo español, que algúns coidaban durmido. Feito que mereceu a atención non só dalgunha prensa do país senón tamén da estranxeira, como o New York Times do día 5 de octubre último.

Cando Jean-Claude Juncker se refire tan sen matices ao nacionalismo en xeral como un veleno (e claro que o pode ser), nin de lonxe se lle ocorre pensar no nacionalismo español: para el só é tóxico o dos países que pretenden liberarse de tutelas impostas e que se rexeitan porque coutan, pero que souberon colaborar na gobernabilidade de país, tanto coas dereitas (Aznar) como coas esquerdas (PSOE). Pero para el non é veleno o nacionalismo dos países que exercen esa e outras tutelas non desexadas. Ese nacionalismo, que onte xogaba coa morte e que hoxe berra «a por ellos», tamén ten o discurso do «nós» contra «vós» e está axudando con eficacia a abrir unha fenda entre Cataluña e o resto de España que afecta á convivencia, e que algúns pensan que pode tardar xeracións en sandar. Ao cabo, un nacionalismo tamén separador.

Se, como recolle unha sondaxe recente publicada por El Mundo, o 57 por 100 dos españois está a favor dun referendo pactado para que Cataluña decida o seu futuro, custa pensar que poida haber razóns para descoñecer esa realidade e para non procurar solucións axeitadas, aceptadas por unha e outra parte. Porque hai dúas cousas moi claras: o agora avivecido nacionalismo español dista moito de ser símbolo de unidade do país, e descoñecer o problema político das nosas comunidades nacionais só pode ser unha fonte máis de permanente inestabilidade. ¿Ou será que algúns pensan que xusto esa inestabilidade é o que dá rendas? Pois vaia patriotas.