Microrredes eléctricas

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

22 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No medio das discusións políticas deste intre podemos caer na tentación de esquecermos que, á fin das contas, todos os contendentes no campo das leis e os dereitos teñen necesidades ás que non van renunciar. Unha delas é a enerxía eléctrica, vector principal de civilización que cobre o globo.

No entanto, o globo requentado -en parte polos métodos antigos de xeración de enerxía eléctrica- está a sufrir mostras de rebeldía atmosférica con fenómenos esmagadores. E de atrás vén a preocupación global pola que vimos chamando ciberseguridade. 

Por pouco que se analice a situación, logo se ve que tanto agresións meteorolóxicas como ataques ás redes de datos poden causar cortes de subministración de electricidade en zonas urbanas e rurais. Curiosamente, todo ocorre cando a electrotecnia e a telemática permiten diminuír o tamaño dos desastres provocados nos grandes sistemas eléctricos. Cando a enerxía eléctrica entrou na sociedade como servizo, apareceron dúas tendencias para o dar. Unha partía de xerar a electricidade a pé de consumidor por medio de xeradores pequenos, cuxas potencias se axustasen á demanda; outra visionaba centrais de produción con grandes potencias para dar servizo a múltiples usuarios.

Co tempo triunfaría o segundo modelo, no que se garante un servizo uniforme para todo tipo de equipamento. Impúxose a normalización: a corrente alterna, en toda Europa a 50 hertzs e 220 volts. A lexislación favorece a supervivencia do modelo de grandes estruturas de xeración e distribución, coidadosamente interconectadas no continente.

Ora, grandes redes poden ter grandes fallos, que se evitarían coas microrredes a formaren parte das redes intelixentes. Cada microrrede ten un sistema de xeración conectado a elementos de consumo e acumulación. Cada rede menor conéctase a unha rede de superior nivel á que pode enviar enerxía sobrante ou da que pode adquirila se a necesitar. E ata aquí, desde o punto de vista técnico, todo en orde: tras máis dun século de usarmos a electricidade, sabemos como a intercambiar en perfectas condicións.

Neste contexto, as normativas da Unión Europea apuntan aos edificios enerxizados con «balance cero» fronte ao fornecedor (compañía eléctrica distribuidora); e a Comisión Europea sinala como «obxectivos exemplares» para o cumprimento da norma as instalacións das administracións públicas. O problema está en que algún país da UE, como España, carece de mecanismos legais para que se produza o intercambio entre redes menores e maiores de maneira que todos gañen: os donos das microrredes e as compañías eléctricas. Haberá, daquela, que lexislar ad hoc polo ben de todos.

A lexislación favorece a supervivencia do modelo de grandes estruturas de xeración e distribución de electricidade interconectadas no continente europeo