Tres mulleres

Xesús Fraga
Xesús Fraga LUZ DE CRUCE

OPINIÓN

29 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres mulleres. Dúas escritoras e unha cantante. Dúas xa falecidas, unha aínda con vida. Falemos desta primeiro.

Mesmo nos días de vizosa xuventude, Joan Didion nunca conseguiu escorrentar un aura de fraxilidade, mesmo malia a determinación que transmite a súa ollada. O tempo acentuou ese ar feble, esa pel de pergamiño das mans, sucada por delgadas veas que seguen a bombear vida a uns ollos protexidos polos lentes escuros que se quita para o documental sobre a súa vida que vén de estrear Netflix. Didion aplicaba o rigor da veracidade xornalística a todo tema sobre o que escribía, fose unha reportaxe de moda ou as comunas hippies do San Francisco dos sesenta, fose o relato da dor e o dó: en O ano do pensamento máxico, trala morte do seu home e ante a grave enfermidade da súa filla, fixo crónica de si mesma, incapaz de desfacerse dos zapatos do home finado, convencida de que os necesitaría á súa volta.

Con Didion compartía a ollada indescifrable Clarice Lispector: hai retratos nos que semellan un espello da outra, só que no caso da brasileira consegue transmitir un aquel oriental; case exipcio. Quizais se lle contaminase a mirada cando con 26 anos tivo ante si a Esfinxe. Lembraría o encontro moitos anos despois. «Non a descifrei. Pero ela tampouco me descifrou a min». Este trazo figura con prominencia na biografía Por que este mundo que afonda na insondable autora. Ao biógrafo, Benjamin Moser, non lle queda máis remedio que admitir o que a propia Lispector advertiu: «O meu misterio é que non agocho ningún misterio».

Outra biografía recente, coincidindo co seu centenario, é a de Violeta Parra. Después de vivir un siglo, de Víctor Herrero, debulla polo miúdo o relato da cantante chilena, de quen ademais se fixeron neste 2017 os cincuenta do seu suicidio, pouco despois de compoñer ese clásico que é Gracias a la vida. O biógrafo segue á intérprete nas súas viaxes a Europa, como a que fixo en 1962 a Finlandia no Yapeyu para participar no Festival da Xuventude de Helsinki. A primeira parada foi Vigo. Parra colleu aos fillos e, guitarra en man, percorreu o porto cantando, mentres os fillos pasaban a boeta. Así gañaron as súas primeiras pesetas.