Se cadra é certo que os galegos temos unha ben acreditada capacidade para esquecer o propio, o noso, o que nos distingue ou sinala na escada dos méritos. Isto non quere dicir que non teñamos un forte sentido da nosa identidade, é certo, pero con demasiada frecuencia, se cadra, defendemos o secundario e desdeixamos o principal.
Francisco Umbral díxome máis dunha vez que non entendía, por exemplo, que os galegos non presumísemos máis de escritores coma Julio Camba ou Álvaro Cunqueiro, que, ao seu ver, non tiñan comparanza nas letras en español. A Camba igualábao co francés Paul Morand, que era «o gran poeta das cidades», mentres que o escritor galego viña ser unha especie de «psicólogo das grandes urbes que se servía do paradoxo incesante para descubrirnos e explicarnos a alma dos sitios que visitaba». Coñecer da súa man Berlín, París, Londres ou Nova York era realmente un privilexio, e aínda o é hoxe. Porque o mundo cambia, pero sempre vai deixando un rastro do que foi.
No caso de Álvaro Cunqueiro, Umbral facía unha defensa especialmente belicosa, porque contrapoñía o fabulador de Mondoñedo en vantaxe fronte aos grandes autores do boom latinoamericano. «Pasarán os anos e pasarán eses que agora son tan famosos -dicíame-, e Cunqueiro quedará para sempre, porque o seu nin ten comparanza, nin é superable, nin sequera é imitable». (Na vía do desmerecemento dos latinoamericanos tamén estaba Camilo José Cela, quen sostiña, ferido pola sona deles -ou polos ciumes propios-, que case todos eran parte dunha moda artificiosa e pasaxeira).
Literariamente, Camba e Cunqueiro non teñen moito que ver entre si, porque o que os caracteriza é xustamente a súa singularidade sen igual, isto é, sen par. Camba é un reinventor de espazos reais, mentres que Cunqueiro é un soñador de mundos enteiros, clásicos ou modernos, tanto dá. O que de certo teñen en común é a enorme orixinalidade das súas olladas. Pero a de Cunqueiro é máxica e sobrevoa recreando o universo enteiro, mentres que a de Camba é xornalística e ilustra sobre o que os demais non vemos: a outra cara do que é real e que, no obstante, el refai e desvela con primor.