Sidra

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

Di o Codice Calixtino nunha pequena parte onde se describe por vez primeira o Camiño de Santiago:

«Ven logo a terra dos galegos, pasados os confíns de León e os portos de Monte Irago e Cebreiro. É unha terra frondosa de ríos, prados e extraordinarios verxeis, bos froitos e clarísimas fontes, pero escasa en cidades, vilas e terras de labor, escasa en pan, trigo e viño pero abundante en pan de centeo e sidra, ben abastecida en gandos e cabalerías, en leite e mel, e en peixes de mar, grandes e pequenos; rica en ouro, prata, tecidos, en peles salvaxes e outras riquezas e ata moi abondosa en moi valiosas mercancías sarracénicas».

Neste pequeno texto escrito no século XII, fálase da sidra como bebida abondosa en Galicia, polo menos no trazo do camiño que no Códice se describe. Na actualidade non é tan popular como era daquela, pero salta á vista a cantidade de mazás que temos por todo o país empregadas de moitas maneiras, gastronomicamente falando, e tamén como materia prima de exportación para a elaboración da sidra noutras comunidades como Asturias ou o País Vasco onde hai unha importante industria ao seu redor. Actualmente a tradición de facer sidra en Galicia recupérase paseniñamente a pesar de que nunca se deixou de facer dun xeito caseiro e familiar. Así pois, despois da recollida da mazá, lavado, picado e  prensado, embarricamos o zume e pasamos un día de convivio con familia e amigos onde fomentamos a interacción e recuperamos antigas e sans costumes. E despois duns meses de fermentación e trasegados, embotéllase e chega o momento da degustación que, con mesura, e en boa compaña convértese noutro delicioso día de socializar, ao tempo que recuperamos una fermosa tradición milenaria e moi nosa.