Algunhas semellanzas

OPINIÓN

02 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Alguén de moi bo sentido, e por iso moi respectado entre a veciñanza, suxíreme que os presidentes da Generalitat e do Goberno son para el dunha semellanza deica agora insospeitada. Son, dime, electricidades dun mesmo signo e por iso se refugan, ou mellor sería dicir que máis ben semella que se refugan.

Convencido da súa tese vai ilustrándoma con exemplos, con suxestións e con ocorrencias moi ben tecidas. Non poño en dúbida, dime, o patriotismo dun e doutro. É máis, son tan patriotas que un defende o nacionalismo catalán e outro o nacionalismo español. Tan excluínte é un como o outro, pois, polo que semella, un e outro nacionalismo deveñen incompatibles, tanto que son, ao menos en aparencia, inimigos a morte. E tan anticuados un como o outro, engado eu.

Os dous pertencen a partidos corruptos de arriba abaixo, tanto que as dúas formacións se distinguen polo seu continuo ir e vir dos seus membros polos xulgados, por apropiacións a eito dos bens públicos en beneficio propio e polo seu financiamento ilegal. Organizacións para delinquir, no dicir de máis dunha resolución xudicial.

Os dous dan a impresión de que a democracia ten máis de estorbo que de garantía, procuran o atallo cando así lles convén, pero enchen as súas bocas coas palabras democracia, liberdade, dereitos humanos, independencia xudicial e tantas outras que un e outro conseguiron baleirar de contido.

Os intereses que un e outro defenden, sen ser os mesmos, son da mesma natureza -dos poderosos, dime- e por iso se asemellan tanto. Nada tería de estraño que, despois de tanta xesticulación, rematasen facendo as paces e entendéndose. Pero, dígolle, para equilibrar eses intereses está a política, e non a vexo por ningures. O meu veciño, xa non tan seguro, cala.