Mar de plástico

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

26 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Temos un mar tan fermoso, incrible e vizoso como iracundo e aterrador. Non en van estamos neste cabo do mundo onde se xuntan e disparan correntes que noutros tempos serviron como grandes autoestradas marítimas. Galicia ten 1498 km de costa, sen contar as illas, e lugares mesmamente merecedores de ser parte do paraiso se non fose pola intervención humana que en moitos casos deixa unha nefasta pegada con resultados moi tristes que saltan á vista de calquera. A dispersión da poboación galega xunto coa errática política de protección das nosas costas fan que sexa dificil atopar lugares máis ou menos vírxenes e despoboados ao longo de todos estes kilómetros. Colectores caendo ao mar, verquedoiros incontrolados e feismos varios agroman sen moito control provocando tristeza e rabia. E non falemos do plástico, marca dunha civilización que se di avanzada e que enche os mares cos seus derivados en forma de lixo. A caquera recuncho ao que se vaia, por moi pequeno que sexa, atoparemos botellas, porexpán, calzado, anacos de xoguetes, tanza, etc, ofrecendo un macabro e penoso toque de cor e sucidade co conseguinte prexuizo, en primeiro termo para peixes, aves e todo o que se vexa directamente afectado por ese lixo e seguidamente para nós, inconscentes do que significa contaminar a grande reserva alimentaria e de vida que temos nos océanos. Por facer un final de relato máis amable debo decir que percorrín moita costa dende Coruña ata Malpica pateando praias, recunchos, furnas etc e fíxenme coleccionista de ollos de boi (pequenos opérculos) e de boias que os barcos van perdendo (plástico en moitos casos tamén) que neste caso sírven de decoración no soto da miña casa. Coloridas, polo menos, son abondo.