Tan bos os uns coma os outros

OPINIÓN

11 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A situación de Cataluña é de vergonza. De vergonza que se pode apoñer por igual a uns e a outros, porque ámbalas partes manteñen ferreñas actitudes de cheo contrarias á arte da política, que é o de procurar o equilibrio de intereses contrapostos. E nisto de certo que, ao meu ver, os uns son tan bos coma os outros. Hai aquí dúas razóns sobranceiras a ter en conta: unhas leis que aínda que non gusten hai que cumprir -e que é lícito procurar modificalas-; e unha maioría dunha sociedade que as refuga e quixera definir de seu a súa relación co Estado. Ou sexa, unha situación que unha política digna deste nome ten que atender. Non facelo é meternos no tobo en que agora estamos e non se sabe saír del. A manifesta e reiterada negativa ao diálogo e a errada e desavida resposta da outra parte, fóra das canles propias da democracia, pero empuxada por aquela negativa e por outros actos de desprezo ben coñecidos, ou recorrendo á acción xudicial e non á política, ou preferindo a prepotencia ao diálogo e ao pacto, orixinaron unha situación de permanente alporizamento de todos coñecida. Se aínda queda alguén con sentido político non debera perder nin un minuto en procurar unha solución racional, xusta e querida polas dúas partes, que non pode ser nin o Tribunal Constitucional nin a secesión. Hai solucións políticas que poden e deben satisfacer plenamente os intereses das dúas partes. Alguén escribiu que cómpre neste momento atopar un Torcuato que endereite o conflito. Non o sei. Pero o que non pode seguir un día máis é o desprestixio das institucións a que uns e outros, polo seu pechado cerrilismo, teñen contribuído de maneira infelizmente eficaz. Nin desacato nin portazo. A democracia é pacto ou non é nada. Non hai outra saída.

 

Se aínda queda alguén con sentido político non debera perder nin un minuto en procurar unha solución querida polas dúas partes