Cos pés no aire

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

20 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Con moita probabilidade, antes de planificar o seu verano, vostede botou contas. O máis seguro é que avaliase se ir ou non ir a algures, e a onde ir, en función de cantos recursos podería dedicar ao seu lecer estival. E se ten a sorte de que os seus recursos lle permitiron desprazarse nas súas vacacións, decidiría entre as distintas posibilidades en función dos custes e vantaxes de cada destino. Se fixo así, semella que fixo o normal. O que fai todo o mundo que ten os pés no chan cando fai economía. Ao fin e ao cabo a máis coñecida definición da ciencia económica é a do británico Lionel Robbins: «A economía é a ciencia que estuda o comportamento humano como unha relación entre fins e medios escasos que teñen usos alternativos» (1935).

E o que é certo na esfera privada tamén o é, neste caso, na pública: todas as decisións sobre o gasto público, mesmo a fixación a través de impostos e débeda do seu volume total, conlevan elixir a que usos alternativos dedicamos uns recursos que son escasos. O que se gasta a través do proceso político non se pode á vez deixar nas mans de familias e empresas para que incrementen o seu consumo ou o investimento; e o que se gasta en sanidade non pode destinarse simultaneamente á educación. Sendo tan lexítimo e democrático defender que o gasto público se incremente a través dunha suba de impostos ou de máis endebedamento como defender unha presión fiscal máis baixa e unha contención do que se lle deixa a deber ás xeracións futuras, ao final hai que optar por distintos niveis de presión fiscal, de endebedamento e de gasto publico, así como as súas específicas configuracións, nun mundo no que a escaseza impón límites.

Como estamos nun mundo que impón límites, semella menos probable que vostede (salvo que sexa o fillo dun millonario xeneroso) decidise sobre o seu veraneo á inversa: que pensase, primeiro, no destino vacacional óptimo, con independencia do seu custo; e despois, unha vez establecidas as vacacións ideais, procurase os cartos necesarios (gastando aforros ou endebedándose ilimitadamente) para cumprir co seu desexo. De ser este o caso, o máis probable é que esas idílicas vacacións quedasen no aire, ou que o ano que ven non puidese ir a ningures. Pero tal foi, precisamente, a proposta que lle fixo o principal grupo da oposición, a través do seu portavoz no Parlamento de Galicia, ao actual Goberno: en vez de fixar o teito de gasto para o 2018, para despois, no orzamento, asignar os recursos a gastos alternativos en función do total dispoñible, o que se pediu foi, literalmente, fixar primeiro as necesidades (que por definición son ilimitadas) para despois procurar os recursos necesarios para cubrir aquelas necesidades. Unha boa forma de quedarse, como no 2008 e no 2009, cos gastos no aire, sen executar, e endebedando a Galicia aínda por riba do autorizado nos propios orzamentos.

Nun discurso no foro do New York Herald, emitido pola radio o 26 de outubro de 1939, o presidente Franklin D. Roosevelt deixounos unha actual alegación contra os extremismos, unha defensa dos procesos democráticos e das reformas, e un feixe de curiosas definicións: «Un conservador é un home coas dúas pernas en perfecto estado que, non obstante, nunca aprendeu a camiñar cara a diante. Un reaccionario é un somnámbulo que camiña cara atrás...». Entre elas, unha extremadamente precisa: a de que «un radical é un home cos dous pés firmemente plantados... no aire». O mesmo aire que, posto en movemento, levaría as propostas de gasto dos nosos particulares radicais, de non terse aprobado pola maioría un teito de gasto ben plantado no chan.

Todas as decisións sobre o gasto público, mesmo a fixación a través de impostos e débeda do seu volume total, conlevan elixir a que usos alternativos dedicamos uns recursos que son escasos