Rafael Alberti e Galicia

OPINIÓN

11 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

TRafael Alberti vestiu unha soa vez o traxe de luces, facendo o «paseíllo» co célebre toureiro Ignacio Sánchez Mejías. Algo que non tería moito de sorprendente, se non fose porque isto sucedeu na praza de touros de Pontevedra o 3 de xuño do 1927. Era a primeira vez que o poeta gaditano viaxaba a Galicia, unha terra que lle quedaba daquela simplemente moi lonxe. Mais, pola mediación posterior de amizades e de amores, esa distancia iríase acurtando ata convertelo nun próximo que comprende. Porque Alberti, que colaborou na revista coruñesa Alfar, mantivo unha longa e intensa amizade con Luís Seoane e unha apaixonada -e case secreta- relación de amor coa pintora surrealista Maruja Mallo, nacida en Viveiro en 1902. No plano da reflexión intelectual sobre autores galegos, debo recoñecer que me chamou moito a atención o que dixo sobre Rosalía de Castro nunha conferencia pronunciada en 1932: «Rosalía de Castro, que, con una percepción y una finura extraordinarias, vuelve, en su suave lengua galaica, a expresarse en el tono, ahora exacerbado, de los primitivos cancioneros galaico-portugueses». Unhas palabras que me seguen a parecer certeiras e luminosas.

Respecto da relación con Maruja Mallo, cabe botarlle en cara a ocultación que fixo nas súas longas memorias tituladas La arboleda perdida. Un silencio que, como se ten dito, negaba á artista como compañeira sentimental e como influenza artística. Pero hai que engadir que, en 1985, se cadra movido pola mala conciencia, Alberti publicou un artigo titulado De las hojas que faltan, dedicado a restituír publicamente esa relación, «porque aquella muchacha pintora era extraordinaria, bella en su estatura, aguda y con cara de pájaro, tajante y llena de irónico humor…». Un silencio de cinco décadas, do que, por certo, nunca se queixara Maruja Mallo, muller de veras libre.

Eu coñecín e entrevistei a Rafael Alberti en 1978 en Madrid, cando el compartía exposición con Antoni Tàpies na Galería Juana Mordó. Foi un acto cálido e emotivo. E máis cálido e emotivo se fose certo, como dicían, que por alí aparecera Maruja Mallo enfundada só nun abrigo de pel… Máis tarde, entrou Joan Miró. Foi unha boa xuntanza.