Rajoy pechou o curso diante dos xornalistas e soubemos que os políticos están para solucionar os problemas que lle interesan á xente. Algo sospeitabamos, pero podemos marchar de vacacións máis tranquilos. Para solucionar os problemas que afectan aos españois na súa vida diaria. Os verdadeiros, quixo dicir o presidente. Porque hai moito problema impostor por aí solto. Problemas infieis e desagradecidos, coma o catalán. E outro tipo de problemas aínda máis traidores, tirando a rancorosos, véxase por exemplo esa teima de querer atopar os restos do avó nunha fosa común. Enténdase que problemas no país hai a esgalla, pero a veracidade kantiana debe recoñecérselle só a unha minoría. Só así se pode facer política sen populismo. Parece lóxico que un Goberno manexe un censo de problemas constatables na rúa, nos bares, nas oficinas; cando a democracia se abraza ao sentido común, esixe un catálogo de problemas empíricos. O contrario sería a acumulación de problemas sen peneirar, a monte. Un gran problema.
A Rajoy, aínda que tenda a subverter a sintaxe en apoteoses dadaístas, cómpre recoñecerlle un hábil manexo da obviedade. E aínda máis: que antes de marchar para Sanxenxo puxese un chisco de orde entre tanto problema de garrafón. Non importa que desa apelación aos verdadeiros desvelos da xente alguén infira unha estratexia perversa, de rixidez entre castrense e monomaníaca, que desaira calquera matiz no discurso triunfal da recuperación económica. Sobre a mesa de Rajoy repousan os problemas cientificamente probados por nove de cada dez especialistas, a radiografía irrefutable das turbacións que recollen os escafandros de Moncloa. A aristocracia cordial dos problemas. O resto deveñen en excentricidades ou caprichos infantís. Son andrómenas. Radiestesia malvada. Sería inxusto non agradecerlle ao presidente que entremos en agosto pensando que non debemos perder o tempo con vulgaridades. Recoñezámolo: temos un problema menos. Era menos problema que os verdadeiros problemas da xente, pero por algo se empeza.