Quietos e polo seguriño


Volvo á marea que iniciei a pasada semana: o horizonte profesional das galegas e os galegos, a xente nova que está a saír das facultades universitarias e inician o seu sempre incerto futuro laboral. «¿Que queredes ser de maiores?». Era a pregunta que nos facían de nenos. Algún dicía que artista de cine, «oficinista, igual ca meu pai», escoitaba eu na casa, condutor de camión, médico (os mais arrichados)… Unha das respostas máis comúns nestes tempos seica é ser «famoso», entendámonos: calquera cousa que signifique saír pola televisión ou bourear nas redes; eses rapaces que disque se fan ricos en catro días poñendo vídeos en YouTube.

 

Pero cando pousa a realidade e nos imos achegando ao auténtico desafío (o futuro máis inmediato), a enquisa que recentemente realizou entre 9.000 españois (1.000 galegos) a fundación AXA e o instituto Educa 20.20 di que o 36,6 por cento dos nosos mozos aspiran a ser funcionarios públicos. E lembraba eu na marea da pasada semana o comentario que nos facía un vello mestre da delegación de Educación en Pontevedra, nos anos setenta, cando andabamos nas protestas e reivindicacións do sector: «Acougade, rapaces. Mirade que o pan do Estado é escaso, pero dunha brancura infinita».

Curas, garda civís e mestres. Velaquí a tríada histórica dos nosos avós, os que puideron chegar a tanto. A carreira eclesiástica e a Garda Civil se cadra viñeron a menos. O maxisterio (con toda a súa grandeza) segue a ser unha liña de horizonte cobizada pola mocidade. Aínda que no concepto de funcionario (non contratado laboral) entra outra dimensión: a seguridade, o traballo fixo, a ausencia de presións competitivas (máis propias da empresa privada), estabilidade, un posto en propiedade, invisibilidade do patrón (o Estado é un ente abstracto)… Existe en moitos casos vocación de servizo, sen dúbida, mais o que manda é o que veño de subliñar: independencia e liberdade (individuais).

Nada que ver coa experiencia catalá, vasca, navarra ou mesmo andaluza, curiosamente, onde a iniciativa emprendedora (montar empresa propia) ocupa os primeiros postos. Cada contexto constrúe o seu imaxinario. Os rapaciños da Ferrolterra, nos anos sesenta do pasado século, aspiraban case que todos a traballar nos estaleiros (deliñantes, enxeñeiros, soldadores). Nas Rías Baixas mandaba moito o mundo do mar. Mais en Galicia o funcionariado segue primando no horizonte da xente nova, agás curiosamente os que viviron experiencias universitarias de Erasmus (estadías anuais en Europa) ou fixeron algún posgrao e traballos no estranxeiro (¡outra vez a emigración como incentivo!).

O país, a contorna social e económica, a cultura familiar que producimos e transmitimos ¿non dá máis de si? ¿Tan pouco mudou a realidade profunda nestas décadas de aparente progreso?

Quietos e polo seguriño. Un motivo para reflexionar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Quietos e polo seguriño