Luz Pozo Garza: 95 anos

OPINIÓN

Hoxe, 21 de xullo do 2017, ás seis en punto da tarde, a excelsa poeta cumpre noventa e cinco anos. A súa obra é un monumento de riqueza espiritual, de incursións reveladoras, de palabras convocantes, de asomos ao misterio, de autenticidade, de acenos á dimensión sagra das cousas, de lirismo fondo e delicado… Nos seus dezaseis libros (desde Ánfora, do 1949, a Rosa tántrica, do 2016) o AMOR (así, con maiúsculas) atravesa páxinas e páxinas da súa poesía, un AMOR que, en non poucas ocasións, podería escribirse con minúscula: o amor que se profesaron, desde 1946, ela e o poeta Eduardo Moreiras, un amor durante anos sentido e non convivido e, desde hai moitos, lembrado e evocado desde a nobre e fonda poética da saudade.

 Hoxe, ás sete da tarde, na Real Academia Galega, Luz Pozo Garza -o mellor pentasílabo da poesía hispánica- será homenaxeada por músicos que interpretan os seus versos e por dous profesores que explican os seus poemas, agás os de raíz mística, que son doutro mundo. Neste encontro, dez poetas lerán dez poemas da homenaxeada, e cada poeta explicará por que escolleu tal poema dentro da inmensa fraga lírica de Luz Pozo. A Academia, deste xeito, cumpre cun deber honrando a quen nos honra, e inicia unha actividade que deberían continuar, en Europa e fóra, aquelas institucións literarias que aínda cren na necesidade e na transcendencia da Poesía, pois Luz Pozo é a Poesía, a Poesía en estado puro aínda que non sexa, no sentido académico, poesía pura.

Porque esta POETA fai poesía en estado puro mesmo cando algún lector pouco atento pode pensar que fai poesía social ou civil. Nunca se chamou a nosa poeta Curros Enríquez, nin Gabriel Celaya nin Celso Emilio Ferreiro; nunca escribiu para denunciar as infamias da historia perpetradas polos infames poderosos ou polos poderosos infames. Luz Pozo, aínda nos tempos máis menesterosos, escribe desde o Amor, desde a pureza da Causa. Así hai que interpretar un poema publicado en La Voz de Galicia o 4 de febreiro de 1973 sobre a guerra do Vietnam e que titulou Poema antibelicista [reproducido nas imaxes que ilustran este artigo]. Desde a pureza do amor á escritora dóelle que «los hombres de tez blanca / asesinan tus deltas aluviales» mentres «La flor del algodón / se tiñó del color de la inocencia / herida». E ante o horror da Guerra, pregunta a escritora: «¿Sabes tú cuántos años / necesita la vida / para construir un hombre?». En realidade, Luz Pozo, favorecendo cos seus versos, daquela, a estratexia da esquerda, escribía desde outro universo: desde a causa do ben e da pureza. (Como o entenderon os censores franquistas que non arremeteron contra La Voz?).

Hai outra composición, esta de 1991, Poemas de Gernika que esixe un achegamento semellante. Non se fala de fascismo, nin de Franco, nin da Lexión Cóndor; a poesía en estado puro enriquece o noso espírito: «Tódalas mans anónimas simbolizan o estrago / nun espacio fendido en diagonais para rachar a vida. / Inda ouvimos as voces no territorio da inocencia. / Os ollos non se pechan / nunca». Con estes cinco versos finaliza o poema Gernika de Picasso.