De costas á realidade

OPINIÓN

10 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O tempo que se lle vén dedicando ás miudezas é moito maior que o consagrado aos temas e situacións máis importantes. Case seguro que o saúdo negado, ao parecer, por González a Iglesias, nun recente acto político, ou a ausencia do rei emérito nese mesmo acto, mereceron máis tinta que a crecente pobreza que deixa a tanta xente sen ilusións.

Pode que o tratamento excesivo desas e outras miudezas e frivolidades teña como finalidade agachar realidades ou situacións que non gustan, procurando que permanezan invisibles entre tanto boureo. Poden parecer ás veces explicacións lixeiras; pero, na maioría, coidamos que non o son. Os que teñen poder (sexa político, mediático ou calquera outro que leve aparellado influencia), saben moi ben cando e como agachar as realidades ou as situacións que se prefire non existisen.

Entre os infinitos casos sinalemos agora tan só o de Venezuela, da que se nos pinta unha situación que acentúa e subliña a xa ben mala daquel país cando xorde -e xorde a miúdo- algún escándalo de corrupción: unha maneira de distraer á xente, como xa se ten demostrado, é levar a súa atención a outra parte. E xa non falemos de Cataluña.

Trátase dunha moi mala política: é manifesto que procedendo desa maneira o que se logra é illar á xente da realidade. Non pode haber peor política que agachar a realidade, porque é pretender vivir fóra dela e, desa maneira, negar a función e a esencia mesma da actividade política. E conséguese coa colaboración dalgúns medios de comunicación e persuasión, como é ben sabido. E con eficacia probada, tanto que xa un dubida de que, en contra do que pensaba Lincoln, hoxe é posible enganar a todo o mundo todo o tempo. A súa frase xa nos empeza a resultar fermosa por demais ¿A isto teremos chegado?