Fabricado en Galicia


Recentemente presentábase no Museo Santiago Rey Fernández- Latorre un libro impactante, que recolle as historias de Fernando Salgado sobre unha Galicia industriosa, entendendo a industria como os antigos: o que non era vivir do erario público. Non todos os galegos con iniciativa na fabricación ou nos servizos emigraron; nin todos os negocios de Galicia xurdiron dos cerebros dos poucos inmigrantes que houbo nela. Salgado pinta un panorama no que Jealsa, a empresa patrocinadora dos libros que lle edita La Voz de Galicia, é mostra de vectores industriais autóctonos.

 O traballo de Fernando Salgado non está completo porque en Galicia non paran de xurdir empresas, e mesmo se está a producir un fenómeno alentador: o de persoas industriosas que, logo de pasaren por medio mundo, recalan na Matria para producir. Tal é o caso dunha fábrica de equipamento de alta tecnoloxía, moi demandado en todos os continentes, que marca nas embalaxes «Product of Europe, Made in Spain, Engineered and Manufactured in Galicia». A empresa soubo xuntar o saber facer de carpinteiros galegos con técnicas complexas da electrónica e a electromecánica. Curiosamente, como os personaxes de Salgado, estes novos fabricantes en Galicia quéixanse de que «aquí todo son trabas e non hai axudas» pero «vívese moi ben».     

Votación
12 votos

Fabricado en Galicia