«Ni una chica en funerales de iglesia»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

A secuencia, para entendela axeitadamente, cómpre situala -coma sempre- no seu texto e no seu contexto. Son palabras que escribe, nunha carta de despedida (24-12-1936), José Sieira González, mariñeiro de Porto do Son que militaba na UGT. Escríbelle a Loliña (Dolores González Suárez), a súa esposa. Condenado a morte, redacta unha carta non só de despedida da familia senón tamén testamentaria.

 Nese testamento recoñece que non sente a súa morte pero, si, que o «maten tan cobardemente», momento no que execra a «esos fascistas malditos que ellos son los asesinos de acuerdo con el clero; esos que tanto propagaban la religión del dios del crimen. Ese es el dios que tienen». Por estas datas, Castelao, católico como José Sieira, debuxou a unha velliña de xeonllos diante dun cruceiro rezando este dodecasílabo: «¡Queiman, rouban, asesinan no teu nome!». Trátase dunha das dez estampas de Galicia mártir, de Castelao (1937), quen, con este álbum e Atila en Galicia, contemporáneo, debuxou o noso Gernika, hoxe magnificamente instalado no museo de Pontevedra.

José Sieira, católico e de familia moi católica, finaliza a súa carta testamentaria con este rogo: «… no quiero que gastes una chica en funerales de iglesia para mí ni le pongas luto a los rapaces…». Xa manifestado este último desexo, estampa estas últimas palabras: «Adiós, besiños para los que fueron mis hijos; adiós, un fuerte abrazo de despedida. Este asesinado enfrente de sus enemigos». (A escasísima escola de José Sieira condicionaba a súa escrita: ijos, a dios, sen puntuación…).

Quen eran e como eran os seus fillos, os seus cinco fillos, moi pequenos: Lidia tiña serios problemas oculares e auditivos; Pepiño naceu con deficiencias na vista; Óscar, de tres anos e medio, era xordo; Lola era minusválida e Edita nacera o 12 de decembro (o pai non a coñecía). Ante un panorama destas características, lembramos, forzosamente, algún dos cadros máis míseros retratados nas novelas de Dickens. Pensando nestes fillos e nesta situación, escribía o magoado pai noutra carta: «Cuida de los hijitos que es mi deseo y muero con ellos en el sentido, que si estaba pensativo era por esos desgraciados que los condenan al hambre estos asesinos, que no les puede llamar otra cosa. Ahora estarán contentos los de esa, viendo a unos infelices por las puertas pidiendo un pedazo de pan y les dirán que su padre era un bandido, que son capaz para eso y para mucho más» (1-1-1937).

Estas cartas, con outras de José Lijó Louro (tamén fusilado en Boisaca o 29 de xaneiro de 1937), acaban de aparecer, cun limiar meu, no volume Letras de norte e liberdade, que edita a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza. Das de José Lijó non tardaremos en falar.