Peor a catro patas

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

11 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces lemos que aparecen varias vacas mortas xuntas tralo paso dunha tormenta eléctrica. Por que? Porque lle caeu a cada unha un raio enriba? Non: é porque andan a catro patas. As leis da física ditan que as cargas eléctricas dun corpo tenden a acumularse nas zonas que fan máis punta. Por ese efecto, nun descampado cunha árbore, a punta da árbore será o lugar máis cargado electricamente e, polo tanto, o maior candidato a recibir o impacto dun raio. 

Nunha tormenta, as vacas tenden a arrimarse á árbore. Ao producirse a descarga, a corrente circula cara abaixo polo tronco e, ao chegar ao chan, dispérsase por el (aínda que non haxa árbore, o efecto é o mesmo se o raio cae na leira na que estean as vacas). O chan non deixa pasar con facilidade a corrente eléctrica, así que, a nada que a corrente atope un camiño máis fácil para circular, irá por el. O corpo dun animal é bastante mellor condutor de corrente do que parece (somos en parte unha bolsa de auga con sales disoltas).

No caso dunha persoa, a distancia entre os seus pés non é moita, e á corrente compénsalle seguir ese pequeno cachiño polo chan en vez de subirnos por unha perna e baixar por outra. Pero entre as patas dianteiras e traseiras dunha vaca pode haber un metro e medio, e aí si lle pode compensar á corrente coller o camiño da carne. Para colmo, no camiño pilla ao corazón, que non teñen colocado tan alto como nun humano. Iso si, os humanos de pé facemos máis punta e é máis fácil que nos caia o raio directamente.