As razóns que non se entenden

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Resúltame completamente imposible. Non podo ver nin unha pequena luz que me ilumine. Non podo. Son totalmente incapaz de comprender que razóns poden levar a alguén a matar a outros iguais. Porque as persoas somos iguais entre nós, sen distinguir razas, nacións, relixións, ideas e pensamentos.

Peor ca matar é estudar a mellor estratexia para danar o máis fondamente posible.

Dá igual que sexas muller, home, moza ou vello, vivir en Londres ou en Honolulú. A morte está sobrevoándonos a todos e onde se pouse a temida sombra... zas! Aí tronza o posible futuro, pois xa non existirá xamais.

Quen atenta? Rapaces novos, homes dereitos. Con perspectiva, con familia... tanto ten. Nada importa. Só ven un obxectivo: matar. Matar para castigar. Pero... a quen? Aos dirixentes? Daquela, por que matan civís, sexan quen sexan? Pode acontecer nun mercado, nunha praza pública, nun concerto, nun centro comercial, no medio dunha ponte... é o mesmo. Non lles importa. Ou si. Canta máis multitude, mellor.

A morte non é iso. A morte é a Santa Compaña, a Estadea ou a Rolda. Aquí ata falamos dela con cariño. Agasállannos lendas que rozan o limbo entre o real e o fantástico. A máis de un quédanos a dúbida de se chegamos a vela realmente. Pero é que a Rolda avisa, visita antes, dá sinais da proximidade... ata nos deixa ver as almas dos nosos defuntiños.

A morte sempre debera ter este sentido. Porque as atrocidades coas que nos atemorizan son todo o contrario, un sen sentido. Como puidemos chegar ata aquí?